A candidatura socialista, encabezada por López Orozco, mantén un encontro coa comunidade xitana e con Asorlu - PSdeG-PSOE de LUGO

A candidatura socialista, encabezada por López Orozco, mantén un encontro coa comunidade xitana e con Asorlu

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

López Orozco anuncia a creación dunha Concellería de Igualdade, Inclusión e Diversidade

José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado de Lara Méndez, Ana Prieto e Ana González Abelleira reuníronse hoxe con representantes da Asociación Integración Xitana, da Fundación Secretariado Xitano e da Asociación Xitanas Feministas pola Diversidade para coñecer as súas demandas de cara ás próximas eleccións municipais do 24 de maio. Coa mesma finalidade celebrouse tamén hoxe un encontro con integrantes da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), unha organización sen ánimo de lucro de ámbito provincial.

En ámbalas citas, López Orozco comentou que os socialistas están elaborando un programa cos pés na terra; pegado á realidade, no que terán cabida as propostas dos diferentes sectores da sociedade lucense e, nese obxectivo, enmárcanse estas xuntanzas. A candidatura socialista escoitou as propostas das catro entidades, orientadas á mellora da súa inclusión na sociedade lucense.

O candidato á Alcaldía de Lugo anunciou dúas propostas do programa electoral socialista ás tres entidades que traballan coa comunidade xitana lucense, conformada por 232 familias, e á representación de ASORLU: a creación dunha Concellería de Igualdade, Inclusión e Diversidade e o compromiso de aumentar o investimento social do Concello porque é “unha cuestión de xustiza xa que toda a cidadanía ten os mesmos dereitos, todos somos iguais”.