A Alcaldesa sobre os Orzamentos do Estado: “Lugo é un cero á esquerda para o Partido Popular” - PSdeG-PSOE de LUGO

A Alcaldesa sobre os Orzamentos do Estado: “Lugo é un cero á esquerda para o Partido Popular”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

“Os lucenses estamos decepcionados porque Feijóo xerou expectativas e ilusión coa súa ruta da moqueta, indo a Madrid tres veces a buscar un compromiso coa nova Comisaría, e agora vemos que o Goberno lle dedica cero euros”

“A Estación Intermodal queda sen un só euro”, ao igual que a rotonda da N-VI con Alfonso X, “despois de solicitarnos premura nos permisos”. “Non hai ningún compromiso tanxible coa nosa cidade”

Con estes presupostos, “Lugo queda illada das infraestruturas ferroviarias e pode quedar illada do futuro. Algo que non imos permitir. Máis ca nunca, urxe a comisión de seguimento que solicitamos para a implantación da Intermodal”

“Faremos un gran esforzo para suplir nos Orzamentos do Concello as carencias da Xunta e do Estado. Espero que Castiñeira e o PP non teñan a desvergonza de votar en contra, e si a valentía de poñerse do lado dos seus veciños”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou este mércores a súa profunda decepción tras coñecer o proxecto de lei dos Orzamentos Xerais do Estado para este 2017, pois deixan unha mensaxe clara: “Lugo é un cero á esquerda para os Gobernos do PP na Xunta e no Estado”. “Hoxe é un día triste”, subliñou a rexedora, “decepcionante para os lucenses porque vemos que o compromiso do Partido Popular coa cidade de Lugo é de cero euros”. O investimento en Galicia diminúe nun 32% nos orzamentos, que para a provincia lucense son os máis baixos dos últimos 10 anos e que “non contemplan ningún compromiso tanxible coa nosa cidade”, incidiu Lara Méndez.

“Os lucenses sentimos decepción porque o Presidente da Xunta e o PP xeraron expectativas e ilusión, e incluso o señor Feijóo se sumou á moda das rutas, coa ruta da moqueta, indo en tres ocasións a Madrid para buscar o compromiso da nova Comisaría de Lugo, no barrio da Residencia. Agora vemos que lle dedican cero euros. Sempre o dixen, o maior compromiso que pode ter Rajoy con Lugo é o manifestado no DOG e no BOE e para iso, evidentemente, ten que facelo nos Orzamentos, nos que lle dedica cero euros a esa comisaría que lle prometeron ao Goberno de Lugo, e aos veciños do barrio da Residencia”, asegurou a Alcaldesa.

“Esta é a tónica” do proxecto de orzamentos, argumentou, “cero euros en case todas as cuestións importantes para a cidade de Lugo”, pois a Estación Intermodal, “que no 2016 recibiu 100.00 euros, neste ano ten cero”. “Vemos como baixa o investimento do AVE e vemos como nin tan sequera, despois de solicitarnos premura nos permisos, hai nin un só euro para a rotonda da N-VI con Alfonso X”.

Con este proxecto de Orzamentos, “Lugo queda illada das infraestrturas ferroviarias e,  polo tanto, Lugo pode quedar illada do futuro, algo que non vamos a permitir”, advertiu a rexedora. Por iso, engadiu, “máis ca nunca urxe a comisión de seguimento do protocolo para implantar a Intermodal que solicitamos recentemente, para que aínda esteamos a tempo de que este orzamento inclúa algunha partida”.

“Máis ca nunca”, subliñou a Alcaldesa, “ímoslle pedir ao señor Castiñeira e ao PP de Lugo que se comprometan coa súa cidade porque dende o Goberno imos facer un esforzo tremendamente grande para suplir nos orzamentos do Concello as carencias da Xunta e do Estado. Vamos a facer uns orzamentos inversores, e espero que  Castiñeira e o PP non teñan a desfachatez e desvergonza de votar en contra dese orzamento; que non lle dean as costas aos veciños de Lugo, que non antepoñan os intereses do partido aos intereses da cidade de Lugo porque vemos como para o Goberno do Estado e o de Galicia, Lugo é un cero á esquerda”. “Espero que o señor Castiñeira teña a vontade e a valentía de poñerse do lado da súa cidade e dos seus veciños”, recalcou.

O Garañón

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas, a rexedora avanzou que o Concello iniciará xa o proceso de execución das sentenzas do Tribunal de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o proxecto de urbanización da Unidade de Actuación do Garañón e  sobre a licencia de obras do edificio, tras recibir esta mesma mañá por Rexistro a comunicación da súa firmeza. O inicio da execución das sentenzas verase reflectido, indicou, na próxima Xunta de Goberno. Para o derrubamento das torres será preciso, reiterou, aprobar os Orzamentos do Concello, nos que se consignarán 300.000 euros para este fin, e seguidamente iniciar o correspondente expediente.

Declaracións da Alcaldesa de Lugo