Ana Prieto: “O veto do PP ao pago de facturas prexudica ás pemes e a economía local” - PSdeG-PSOE de LUGO

Ana Prieto: “O veto do PP ao pago de facturas prexudica ás pemes e a economía local”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

A Concelleira de Economía, Emprego e Promoción Económica, Ana Prieto, lamentou que o Grupo Municipal do Partido Popular votase este xoves no Pleno en contra do pago de facturas a provedores do Concello por valor de 2,3 millóns de euros porque este veto “a quen prexudica é ás pequenas e medianas empresas da nosa cidade e, en definitiva, á economía local que, como unha cadea que é, corre o risco de colapsar ou romperse se falla un dos seus eslabóns”.

Prieto subliñou tamén que o instrumento proposto polo Goberno para liberar este importe, o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, é “completamente legal, recollido pola lexislación, e que utilizan todas as administracións locais de España, incluídas as gobernadas polo Partido Popular”. Así mesmo, a Concelleira recalcou que as facturas incluídas no expediente “están debidamente conformadas polos servizos técnicos municipais”, esto é, “prestáronse uns servizos e o Concello, que ademais ten os recursos económicos necesarios e suficientes, ten a obriga de pagalos”.

A edil confía en que a postura “arriscada” do Grupo Municipal do PP non responda á situación persoal e política do seu voceiro, Jaime Castiñeira, que, “sabendo que lle queda moi pouco como líder local do seu partido e que, segundo di, non volverá a ser candidato á alcaldía, impón este tipo de decisións irresponsables ao seu grupo porque non ten nada que perder”.