O Goberno consegue o apoio do Pleno para instar á Xunta e Fomento a subir as axudas por vivenda das ARRU - PSdeG-PSOE de LUGO

O Goberno consegue o apoio do Pleno para instar á Xunta e Fomento a subir as axudas por vivenda das ARRU

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

A actual contía máxima por propietario, de 11.000€, fai que o plan sexa pouco atractivo e só se acometan obras menores, subliñou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o que “desvirtúa” o plan, pois non consegue a finalidade de rehabilitación integral para o que está concibido

O Goberno local conseguiu no Pleno ordinario deste xoves o apoio unánime da Corporación para instar á Xunta e a Fomento a modificar as bases que regulan as axudas concedidas a través das ARRU (Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana) e suban a porcentaxe de financiamento por vivenda ou a contía máxima co fin de impulsar a rehabilitación, tanto no casco histórico, como na futura ARRU da Milagrosa.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, que defendeu a proposición presentada polo equipo de goberno, explicou que a subida da porcentaxe ou a contía máxima das axudas por vivenda contribuirá a “solucionar un problema que detectamos no ARRU do casco histórico, pois, na última convocatoria, aínda rexistrándose 40 peticións, máis que en fases anteriores, só se executaron obras menores por valor de 43.809 euros, dos 231.000 posibles, un problema que pode darse tamén na futura ARRU da Milagrosa”.

De feito, en 10 anos de vixencia da área de rehabilitación do casco histórico executouse a metade dos fondos dispoñibles, mentres que no caso da do barrio do Sagrado Corazón o grao de execución, en só dous anos, foi de practicamente o 100%. Isto ocorre, indicou Piñeiro, porque a actual contía máxima por propietario, de 11.000 euros, fai que o plan sexa pouco atractivo, “sobre todo cando se trata de edificios con poucas vivendas ou propiedade dunha soa persoa, pois este diñeiro non chega para unha rehabilitación integral, co que se desvirtúa a verdadeira finalidade do plan, que é a recuperación integral dunha zona”.

Daniel Piñeiro subliñou así mesmo que o PP recortou drasticamente as subvencións das ARRU, pasando do 50% de Fomento e o 30% da Xunta na etapa de gobernos socialistas, ao 35% por parte do Ministerio e a achega cero da Administración autonómica na última convocatoria. Na nova fase está previsto que a Xunta financie só 4.000 euros por vivenda, como máximo.