O Goberno convoca a Mesa pola Revitalización da Residencia ante a posible ubicación dunha comisaría no Vello Xeral, "Satisfacción si, pero tamén cautela" - PSdeG-PSOE de LUGO

O Goberno convoca a Mesa pola Revitalización da Residencia ante a posible ubicación dunha comisaría no Vello Xeral, “Satisfacción si, pero tamén cautela”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

“Como Alcaldesa sempre recibirei calquera investimento que veña cos brazos abertos, porque entendemos que iso vai redundar beneficiosamente na cidadanía. Pero inversión e non promesas”, subliñou Lara Méndez

A rexedora púxose en contacto hoxe cos veciños e veciñas deste barrio, co que si está comprometido o Goberno de Lugo e no que xa ten actuado o Concello

“Non queremos promesas, queremos DOGas, queremos que nos orzamentos se reflexen nas partidas, e queremos que isto se materialice, porque amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”, concluíu Méndez

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este xoves a convocatoria da Mesa de Traballo pola Revitalización do barrio da Residencia, ante o anuncio dunha posible ubicación dunha nova comisaría no Vello Xeral. “Como Alcaldesa de Lugo sempre recibirei calquera investimento que veña cos brazos abertos, porque entendemos que iso vai redundar beneficiosamente na cidadanía. Pero inversión e non promesas. E digo isto, porque en Lugo, entre os lugueses e luguesas, Feijóo xa non ten credibilidade”, destacou a rexedora, ao tempo que lembrou os anuncios realizados polo propio Feijóo en campaña no 2009, despois no 2011 no traslado do HULA, no 2012 novamente con eleccións, e o pasado ano con outras eleccións autonómicas.

“Satisfacción si, pero tamén cautela”, asegurou Lara Méndez, ao tempo que lembrou que o Goberno central respondeu a unha pregunta da Deputada Socialista Margarita Pérez Herráiz sobre o futuro das instalacións, na que subliñaban que os usos dos edificios do Vello Xeral eran sanitarios.

A rexedora púxose en contacto hoxe cos veciños e veciñas do barrio da Residencia para trasladarlles a convocatoria da mesa de traballo e para darlles a coñecer a contestación do Goberno á Deputada socialista, así como para reafirmarlles que o Goberno Local si está comprometido con esta zona, “que non son meras palabras, pois o Concello de Lugo xa ten actuado no barrio, e seguirá actuando para dotar á Residencia de zonas de esparexemento para devolver este barrio ao que foi, un barrio punteiro e senlleiro na cidade”.

“Non queremos promesas, queremos DOGas, queremos que nos orzamentos se reflexen as partidas, e queremos que isto se materialice, porque amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”, concluíu Méndez, quen avisou de que o Goberno de Lugo seguirá con moita cautela estes anuncios para convertelos en realidade.

Declaracións da Alcaldesa de Lugo