O Goberno insta á Xunta e Fomento a subir a contía das axudas das ARRU por vivenda para impulsar a rehabilitación - PSdeG-PSOE de LUGO

O Goberno insta á Xunta e Fomento a subir a contía das axudas das ARRU por vivenda para impulsar a rehabilitación

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

A baixa porcentaxe financiada por edificio fai “ineficaz” o plan, como demostra que na última fase da ARRU do casco histórico lucense só se executaran obras menores de rehabilitación por valor de 43.809 euros, dos 231.000 dispoñibles

O PP recortou drasticamente as subvencións, pasando do 50% de Fomento e o 30% da Xunta, ao 35% por parte do Ministerio e a achega cero da Administración autonómica da última convocatoria

O equipo de Goberno pedirá no Pleno ordinario deste xoves o apoio da Corporación para instar á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a modificar as bases que regulan as axudas concedidas a través das ARRU (Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana) e suban a porcentaxe de financiamento por vivenda ou a contía máxima co fin de impulsar a rehabilitación, tanto no casco histórico, como na futura ARRU da Milagrosa.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicou que o Goberno fai esta proposta ao Pleno tras producirse un escaso volume de solicitudes de axudas na última convocatoria da ARRU do casco histórico lucense, pois só se executaron obras menores por valor de 43.809 euros, dos 231.000 posibles, un baixo atractivo que pode reproducirse na futura ARRU da Milagrosa. “Detectamos que en edificios que teñen poucas vivendas ou que son propiedade dunha soa persoa, a contía máxima por vivenda que concede tanto Xunta como Fomento só chega a 11.000 euros, moi pouco diñeiro para a rehabilitación integral dun edificio, polo que o que estamos subvencionado son obras menores, de reparación, que non conseguen unha rehabilitación integral. En definitiva, o plan non resulta eficaz”.

Daniel Piñeiro subliñou así mesmo que o PP recortou drasticamente as subvencións das ARRU, pasando do 50% de Fomento e o 30% da Xunta na etapa de gobernos socialistas, ao 35% por parte do Ministerio e a achega cero da Administración autonómica na última convocatoria. Na nova fase está previsto que a Xunta financie só 4.000 euros por vivenda, como máximo.

O incremento dos importes contribuirán a impulsar a rehabilitación na cidade, o que supoñerá “unha mellora a nivel urbanístico, tanto estructural, en canto a eficiencia enerxética, como estético, e un pulo para un sector económico cun gran potencial”, asegurou o Concelleiro.

Declaracións de Daniel Piñeiro