O Goberno segue dialogando con todos os grupos para aprobar uns orzamentos negociados, os máis inversores dos últimos anos - PSdeG-PSOE de LUGO

O Goberno segue dialogando con todos os grupos para aprobar uns orzamentos negociados, os máis inversores dos últimos anos

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

“Hai máis vida máis aló de Lugonovo”, asegurou o voceiro municipal, quen considera que “as tácticas, a visión curtopracista, son un erro, pois a estratexia da esquerda debe ser sempre gobernar para transformar a sociedade”

“A outra opción é volver a tempos pasados de ordeno e mando, e os resultados xa os sabemos: coa Xunta do PP un de cada catro galegos está en risco de pobreza ou exclusión social”

“Seguimos coa nosa folla de ruta, que é moi clara e consiste en dialogar, escoitar e falar con todos os grupos municipais para tratar de chegar a acordos, e aprobar uns orzamentos negociados”. O voceiro municipal, Miguel Fernández, resumiu deste xeito a vontade do Goberno local de continuar traballando para sacar adiante os presupostos municipais, “os máis inversores dos últimos anos”, tras o anuncio de Lugonovo de absterse. “Non damos por perdida a negociación”, incidiu. “Lugonovo, que se define como de esquerdas, non está en contra dos nosos orzamentos, dende o momento no que di que se vai abster; se estivera en contra, votaría en contra”, asegurou Fernández. “Hai máis vida máis aló de Lugonovo”, engadiu o edil, quen aludiu seguidamente a que o voceiro deste grupo no Concello “parece que ten moi claro que só se cambia a realidade gobernando, unha postura que non parece concordar con parte do seu partido”.

O voceiro lembrou que ao comezar o mandato “intentamos chegar a acordos coas forzas políticas máis afíns, as da esquerda, porque entendiamos que máis é sinónimo de mellor. Naquel momento non foi posible e desde logo non porque non nos esforzaramos e o intentaramos”.

“Aquela imposibilidade”, sinalou, “tradúcese en tácticas, nunha visión curtopracista, que consideramos un erro, pois a estratexia da esquerda debe ser sempre gobernar para facer políticas sociais, transformar a sociedade e mellorar a cidade, porque a outra opción é volver a tempos pasados de ordeno e mando, e os resultados xa os sabemos: a día de hoxe, coa Xunta do PP un de cada catro galegos está en risco de pobreza ou exclusión social”.

Así mesmo, Miguel Fernández lembrou que as etapas “nas que este Concello foi gobernado por grupos de esquerdas, por PSOE e BNG, e o PP non puido alcanzar a institución, non foron malas en canto á gobernación e a mellora da cidade”.

O voceiro municipal recalcou que o Goberno “leva negociando dende hai tempo con todos os grupos, tentando chegar a acordos, tentando incorporar todas aquelas propostas que nos parecen positivas e beneficiosas para a cidade, aínda que, loxicamente, iniciamos as conversas con máis intensidade cos grupos que nos apoiaron na investidura ou que votaron a favor ou se abstiveron nos Orzamentos do pasado ano”.

“O que nos interesa é que haxa Orzamentos para mellorar a cidade e as condicións de vida dos lucenses. Traballamos por uns Orzamentos ambiciosos, que sexan os máis inversores dos últimos anos porque sentímonos na obriga de paliar as carencias e a discriminación á que somete a Lugo a Xunta e o Estado nos seus presupostos”, explicou Fernández, uns orzamentos municipais “de corte social, co investimento do DUSI, un Plan de Barrios baseado en moitas das propostas que fixeron os grupos da Corporación e que dedique as consignacións precisas para actualizar todos os contratos no menor tempo posible”.