Por iniciativa do PSdeG, a esquerda rexeita no Pleno os Orzamentos do Estado porque “ningunean a Lugo” - PSdeG-PSOE de LUGO

Por iniciativa do PSdeG, a esquerda rexeita no Pleno os Orzamentos do Estado porque “ningunean a Lugo”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

Como no seu veto ao pago de facturas, o PP quedouse só rexeitando a proposición socialista, grazas á que a Corporación esixe ao Goberno de Rajoy que contemple nas contas estatais todas as infraestruturas que Lugo precisa

O PP quedou estes xoves só no Pleno ordinario do Concello de Lugo. Non só vetando por terceira vez o pago de facturas por 520.000 euros a entidades sociais como a Protectora de Animais, a asociacións culturais, medios de comunicación e PEMES, senón tamén porque os grupos da esquerda fixeron fronte para rexeitar, por iniciativa do PSdeG, os Orzamentos do Estado por “ningunear a Lugo”.

Grazas á proposición presentada polos socialistas e defendida polo voceiro municipal, Miguel Fernández, a Corporación, cos votos a favor de PSdeG, Lugonovo, BNG e ACE, a abstención de Ciudadanos e a negativa do PP, esixe ao Goberno de Rajoy que orzamente e contemple no proxecto de Lei das contas estatais deste 2017 as seguintes actuacións, dado que para ningunha delas aparece un só euro consignado no proxecto actual: a Estación Intermodal, a Rotonda da Nacional VI, a Comisaría, o desdobramento e iluminación da Ronda Norte, o desdobramento da N-VI dende a Tolda de Castela a Garabolos, o enlace da Ponte Blanca coa Volta da Viña, a pasarela peonil do Anxo Carro, a iluminación da N-540 dende a Ponte Nova ata As Arierias, e a Ronda Sur, que unirá a N-VI na Tolda, coa glorieta da estrada da Fonsagrada.

O voceiro do Goberno local subliñou que os orzamentos presentados polo PP en Madrid son “desilusionantes, discriminatorios e inxustos para Lugo”, polo que “como representantes dos lucenses “temos a obriga de protestar e esixir os investimentos que necesita a nosa cidade”. “Non é unha cuestión de partidos ou opcións políticas, senón que é unha cuestión de cidade, de defensa dos intereses dos nosos veciños e veciñas”, indicou.