José López Orozco anima á mocidade a participar na vida política e critica a demagoxia que practican algúns - PSdeG-PSOE de LUGO

José López Orozco anima á mocidade a participar na vida política e critica a demagoxia que practican algúns

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

O candidato á Alcaldía de Lugo anuncia axudas á formación e o emprego xuvenil incluídas no programa socialista

Na xornada Xuventude e Política participaron tamén Lara Méndez e Juan Carlos González Santín

José López Orozco pechou esta mañá o encontro “Xuventude e Política”, organizado polas Xuventudes Socialistas de Lugo, onde alentou á mocidade a participar na vida política e social polo papel relevante que ten, xa que “como dixo Karl Marx a política non pode ser soamente pensar a realidade senón que hai que transformala, cambiala cos nosos gobernos para que conxunto da cidadanía, independentemente do que teña e de onde veña, acade a igualdade”.

En referencia á mocidade, o candidato á Alcaldía de Lugo, López Orozco, sinalou que o obxectivo primordial é o emprego e, con ese fin, o programa socialista para as próximas eleccións municipais contempla medidas para “impulsar o traballo digno, a formación en áreas demandadas polo mercado laboral, que tan bo resultado tivo no Concello, xa que varios mozos e mozas atoparon emprego e continuar coas actividades da Casa da Xuventude como centro de dinamización xuvenil”.

En clave histórica, o Alcade de Lugo lembrou que a política pasou de ser a ciencia que solucionaba os problemas da veciñanza a ser a ciencia na que se fala ás veces lonxe da realidade, por iso afirma: “o peor que lle pode pasar á política é a demagoxia que algúns practican e que, nestes momentos, a sociedade non lle perdoa á clase política”. E puxo como exemplo a Jaime Castiñeira que agora di que defende os intereses dos lucenses por enriba dos da Xunta de Galicia. Para López Orozco “chega tarde; por que non o dixo diante da Conselleira de Sanidade?. Faino agora ante a presión social e iso é demagóxico e con isto sofre a democracia. Nós sempre nos comprometemos cun servizo primordial para tódolos lucenses e, entre todos, imos conseguir Hemodinámica as 24 Horas no HULA ”.

Sostén o López Orozco que os gobernos teñen que adaptar as súas políticas ás novas necesidades, demandas e cambios sociais e “debemos facelo con obxectivos claros, ilusión e compromiso co servizo público que é polo que merece a pena a política, na que todos somos necesarios”.

O papel relevante das xuventudes no PSdeG-PSOE
A Vicepresidenta Segunda da Deputación e número 2 na candidatura do PSdeG ao Concello de Lugo, Lara Méndez, destacou no encontro a importancia de Xuventudes para o partido. “Non só demostrades que hai futuro, senón que hai presente”. Recalcou que os socialistas “cremos e demostramos que hai outra forma de gobernar”. “Nós ofrecemos solucións aos problemas da xente, como fixemos dende o Goberno socialista da Deputación de Lugo, unha institución que era anticuada, incluso rancia, e que nós convertemos en transparente e moderna, e sobre todo, que goberna para todos”.

Nos últimos 8 anos, engadiu, “puxemos en marcha en solitario, sen ningún apoio da Xunta, proxectos cun forte retorno económico para a provincia, como o primeiro centro público de recría de España ou a rede pública de residencias e centros de día”. Ao mesmo tempo, explicou, “fomos quen de levar ben as contas públicas. Somos unha institución saneada, que acadou este ano a débeda cero, manténdonos ademais como a Deputación galega que, con moita diferenza, máis inviste por habitante”. “Así é como gobernamos os socialistas as administracións públicas”, destacou.

Falta de políticas de emprego dos gobernos do PP
Na xornada o Secretario Provincial dos socialistas, Juan Carlos González Santín, lembrou “a sangría migratoria xuvenil que se está a producir pola falla de políticas de emprego eficientes dos gobernos do PP”. Neste senso, constatou que “segundo o IGE, preto de 13.000 mozos galegos marchan cada ano de Galicia, dos que 3.806 son da provincia de Lugo, condenados a emigrar polo goberno galego e acabando así co noso futuro”.

“Grazas ao fracaso das políticas da Xunta os mozos máis cualificados e preparados da nosa historia teñan que marchar e exercer empregos por debaixo da súa cualificación”, aseverou González Santín, e engadiu que “o fracaso das iniciativas do goberno de Feijoo dirixidas, supostamente, a fomentar a contratación xuvenil, non está a chegar aos potenciais beneficiarios, tal e como demostra que na nosa provincia, segundo datos do IGE do último mes, sexan 10.177 o total de demandas de emprego pendentes de persoas de entre 16 e 34 anos”.

En definitiva, González Santín lamenta “enormemente a situación que a mocidade galega e lucense, o noso futuro, está a sufrir polas políticas de recortes que o PP basea na austeridade ao amparo da crise e que está a recortar os dereitos e opcións de progreso dos nosos mozos e mozas”. “Xa está ben de que non conten, sen traballo, sen vivenda e sen futuro, para o Sr. Feijoo parecen non existir. Pola contra, nós queremos facer que conten, queremos que teñan oportunidades de desenvolver as súas vidas profesionais e persoais na súa terra, que deixen de marchar polas políticas laborais precarias, nós queremos que conten con postos de traballo con retribucións dacordo á súa cualificación e con maior estabilidade”.