José López Orozco e a candidatura socialista manteñen unha xuntanza coa APEC - PSdeG-PSOE de LUGO

José López Orozco e a candidatura socialista manteñen unha xuntanza coa APEC

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

O candidato socialista comprométese a rebaixar as taxas de ocupación da vía pública

José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado doutros integrantes da mesma como Lara Méndez, Adrián Vázquez, Diego Pena Luaces e Luís Álvarez reuníronse hoxe coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), representados polo seu presidente, Hipólito Trinidad Losada, e por membros da Xunta Directiva da entidade.

López Orozco e a candidatura socialista acudiron ó encontro co fin de escoitar as demandas e propostas da APEC, constituída por empresarios do sector da construción e por outras empresas dedicadas a actividades auxiliares e afíns, para que poidan quedar reflectidas no programa electoral que presentarán os socialistas lucenses para as eleccións municipais do 24 de maio.

Ao mesmo tempo, o Alcalde e candidato á alcaldía lucense comprometeuse cos integrantes da APEC a rebaixar as taxas de ocupación da vía pública para a realización de obras co fin de fomentar a rehabilitación de vivendas e contribuír a impulsar a actividade no sector da construción.

As xuntanzas dos socialistas lucenses con entidades da vida empresarial, económica, social e cultural do Concello de Lugo seguen mañá con dúas citas: con colectivos que traballan polos dereitos do pobo xitano e coa Asociación de Persoas Xordas de Lugo. O obxectivo de José López Orozco é recoller as consideracións de tódolos sectores da sociedade lucense para elaborar un programa participado polo conxunto da cidadanía.