Lara Méndez: “Feijóo volve a Lugo despois de 8 meses a un acto de partido e sen ningún compromiso cumprido coa cidade” - PSdeG-PSOE de LUGO

Lara Méndez: “Feijóo volve a Lugo despois de 8 meses a un acto de partido e sen ningún compromiso cumprido coa cidade”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

A Alcaldesa subliñou que, tras máis de 2 meses, non recibiu “contestación algunha” do Presidente á súa proposta para equipar o novo auditorio. Esperemos que responda, e non nun acto do PP, senón público para toda a cidadanía”

O bloqueo do Partido Popular ao pago de facturas “pon de manifesto a súa arbitrariedade e continuos cambios de criterio. Non se entende porque di si a unhas facturas e a outras no, máis aló dos intereses partidistas”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo de relevo este venres o esquecemento ao que ten sometida á cidade e aos lucenses o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a nivel orzamentario e na dotación de servizos e infraestruturas, pero tamén no ámbito institucional. “Pasamos de ter a presencia do Presidente da Xunta case todas as semanas en Lugo antes das eleccións autonómicas, con anuncio tras anuncio, por certo, ningún deles cumprido, a regresar, 8 meses despois, a un acto de partido. Lugo xa a ten esquecida, e todos aqueles compromisos que adquiriu están sen cumprir, e non só compromisos, senón tamén propostas”, subliñou a rexedora.

Neste senso, Méndez lembrou que, despois de máis de dous meses, aínda “non temos contestación algunha” á proposta trasladada ao Presidente autonómico para financiar o equipamento do novo auditorio, consistente en eximir do IBI á Xunta polo HULA e catro centros de titularidade pública autonómica durante 6 anos. “E por riba vemos como onte no Pleno aos concelleiros do PP se lles ocorre preguntar como está o auditorio, cando se vai recepcionar. A respostas foi clara: cando sexa un auditorio, e para que o sexa deberá estar equipado”, afirmou a Alcaldesa.

A proposta do Goberno local “está enriba da mesa. Esperemos que Feijóo dea unha resposta, e que non o faga no seo dun acto do Partido Popular, senón nun acto público como presidente da Xunta de Galicia para todos os cidadáns, no só para os afiliados do PP”, asegurou.

Bloqueo do PP a facturas de 12 provedores

A Alcaldesa referiuse por outra banda á decisión do grupo municipal do Partido Popular de bloquear de novo onte no Pleno o pago de facturas a 12 provedores. “Evidentemente, isto ten efectos prexudiciais, por iso eu sempre apelo á responsabilidade de cada quen”, subliñou.

O que quedou de manifesto no Pleno de onte, explicou, “é a arbitrariedade coa que traballa o Partido Popular, que di si a unhas facturas e a outras non, e o seu continuo cambio de criterio. Primeiro votou que non porque ían todas xuntas. Pediu bloques, fixéronse, e como ían tres, dixo que había que distribuílas en catro, cando en ningún momento falara de número de lotes. Logo dixo que votaba non porque non ía desglosadas e onte, cando se elevaron a Pleno desglosadas e se votaron unha por unha, volveu a votar non ás de 12 provedores, algo que non se entende, máis aló dos intereses partidistas”.

A rexedora recalcou que a oposición “o único que ten que facer é permitir a liberación de crédito no Pleno para que logo se poida pagar”. Co veto do PP, “a única e triste mensaxe que está trasladando o Partido Popular é que os provedores que queiran cobrar por un traballo feito e verificado polos servizos técnicos municipais teñen que ir ao xulgado”. Lara Méndez destacou que a maioría das facturas bloqueadas polo PP son de asociacións, medios de comunicación, PEMEs e autónomos, aos que os populares “nos impiden pagarlles”.