Miguel Fernández: “Os contratos para o funcionamento do Vello Cárcere e Novas Tecnoloxías son estritamente legais” - PSdeG-PSOE de LUGO

Miguel Fernández: “Os contratos para o funcionamento do Vello Cárcere e Novas Tecnoloxías son estritamente legais”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

Tanto a modalidade –contratos menores-, como o procedemento axústanse á Lei de Contratos do Sector Público, normativa que o voceiro recomendou a Cs “repasar dadas as súas disparatadas manifestacións”

O Concello recorreu a contratos menores para iniciar o funcionamento dos dous edificios porque “é a única fórmula legal de transición existente ata a licitación dos servizos” e fíxoo agora porque “non había obxecto de contrato ata a recepción das obras”

Ante as falsas acusacións realizadas polo grupo municipal de Ciudadanos sobre a contratación de servizos no Vello Cárcere e no Edificio de Novas Tecnoloxías, o voceiro municipal, Miguel Fernández, subliñou que tanto a modalidade dos contratos     –menores-, como o procedemento seguido para formalizalos “é estritamente legal, axustado á Lei de Contratos do Sector Público, unha normativa que os concelleiros de Ciudadanos deberían cando menos repasar dadas as súas disparatadas manifestacións”.

Deste xeito, Miguel Fernández explicou que o Concello recorreu a contratos menores para iniciar o funcionamento do Vello Cárcere e do Edificio de Novas Tecnoloxías porque “é a única fórmula legal de transición existente ata a licitación dos servizos” e fíxoo agora porque “non había obxecto de contrato ata a recepción dos edificios”.

“O informe de Intervención recolle observacións, pero non é contrario; a mellor proba é que, se o fose, o procedemento quedaría anulado e non estarían os contratos feitos”, asegurou o voceiro, quen apreciou outra “falsidade” de Cs, pois tanto no caso do Vello Cárcere como de Novas Tecnoloxías se presentaron tres orzamentos. No Vello Cárcere enviouse ademais toda a información á Asociación de Empresas de Xestión Cultural e na proposta defínense os postos precisos e as súas funcións.

As declaracións de Ciudadanos poñen de relevo “a súa profunda e preocupante ignorancia sobre a Lei de Contratos do Sector Público”, incidiu o voceiro, pois, tal e como establece esta normativa “o servizo propoñente é o que debe decidir as necesidades a contratar con un estudo de custes, que no caso dun contrato de servizos, son custes de persoal, e iso require un tempo”.

Así mesmo, a Lei de Contratos obriga ás administracións públicas a establecer como criterio de valoración con maior peso a oferta económica que resulte máis vantaxosa para o Concello, polo que Ciudadanos “non sabe do que fala cando di que o Concello fomenta a precariedade co prego de licitación”, afirmou Fernández.

O voceiro do Concello pide a Ciudadanos a “deixar de denigrar unhas obras que os lucenses valoran, como son o Vello Cárcere e o Edificio de Novas Tecnoloxías, e así o demostra o continuo fluxo de público que está a pasar por ambas instalacións, e tamén un plan de investimentos como o Urban, que transformou a cidade e que foi recoñecido a nivel internacional pola súa boa execución”.