O grupo socialista do Parlamento Galego visita o Concello de Lugo - PSdeG-PSOE de LUGO

O grupo socialista do Parlamento Galego visita o Concello de Lugo

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

Sorpresa e preocupación do Alcalde, López Orozco, polo trato que lle dan a Lugo os Orzamentos da Xunta para o ano que vén

O secretario xeral do PSOE da provincia, Ricardo Varela, dí que son uns Presupostos que castigan á provincia de Lugo froito do enfrontamento de Barreiro con Feijóo

O voceiro socialista no Parlamento Galego eloxia a transformación de Lugo e destaca que a Xunta prevé máis paro e menos investimento en Galicia en 2011

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola práctica totalidade do Goberno local e outros membros da corporación municipal, recibiu a última hora da mañá ó grupo parlamentario socialista da Cámara galega.

Na reunión que mantiveron con motivo desta visita, o Alcalde aproveitou para expresarlle ó grupo socialista do Parlamento galego a súa “sorpresa e preocupación” polo trato que recibe Lugo no proxecto de Presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2011.

“Non hai nada novo, só proxectos que veñen de moi antigüo, como o Auditorio ou o Plan Paradai, no que hai menos orzamentos dos que había previstos e o que se fai é dilatar no tempo as obras, co cal algunhas delas remataranse aló polo 2014 ou 2015” destacou o Alcalde.

José López Orozco tamén se declarou “moi sorprendido” polas previsións para o polígono industrial das Gándaras. “Hai unha cantidade para o ano que vén, aínda que dicían que estaría finalizado este ano”.

No encontro co grupo parlamentario socialista, o Alcalde de Lugo amosou, ademáis, a súa preocupación por los orzamentos en materia social. En primeiro lugar, referiuse a unha cuestión que calificou de “tema xa manido”: o trato que reciben da Xunta as escolas infantís. López Orozo indicou que “temos duas novas escolas infantís terminadas, unha que fixo o Concello cos seus cartos e outra con achegas do Plan E e aínda non recibín resposta, e xa vai máis dun ano, sobre a colaboración da Xunta en algo no que é competente”.

O Alcalde tamén se referiu ó trato que lle dá a Xunta á Lei de Dependencia. “O Concello fai o esforzo, e manterémolo nos vindeiros Orzamentos do Concello, de adicar perto de 900.000 euros ós centros de día nos que reciben atención 90 persoas e non recibimos nin tan siquera boas palabras”, salientou López Orozco.

Castigo á provincia de Lugo polas desavenencias de Barreiro e Feijóo

Para o secretario xeneral dos socialistas de Lugo, Ricardo Varela, son uns “Presupostos de castigo para Lugo” e considerou que a falta de compromiso da Xunta coa nosa provincia débese “ás dificultades do PP de Lugo co PPdeG, entre Feijóo e Barreiro”.

Ricardo Varela considerou que “son os primeiros Presupostos nos que non hai ningunha iniciativa nova, ningún só proxecto ambicioso” que abandonan a provincia de Lugo e “tememos que iso ten que ver coas dificultades internar no Partido Popular”.

Eloxio á transformación de Lugo e crítica ós Orzamentos da Xunta

O voceiro do grupo socialista no Parlamento Galego, Xaquín Fernández Leiceaga, eloxiou “a singular transformación que viviu Lugo nos últimos anos” e dixo que “poucos exemplos hai en Galicia como Lugo que desde hai uns anos converteuse nunha cidade moderna que se transforma e que o Alcalde Orozco está levando a un posto destacado no conxunto do sistema urbano de Galicia ”.

Tocante ós Orzamentos da Xunta indicou que o que sucede coa nosa cidade “é moi parecido ó que lle pasa ó resto de Galicia pola paralización de obras públicas” e cifrou en arredor dun 36% a caída do volume de investimento da Xunta. Tamén asegurou que os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2011 prevén “un aumento do desemprego e a caída no nivel de ocupación que constrasta coa caída no nivel investidor” mentres as contas do Estado “son moi positivas para Galicia”.

Leiceaga tamén considerou preocupante o “recorte drástico en servizos sociais como sanidade, educación ou dependencia, nos que hai unha caída de 340 millóns de euros” e criticou a existencia do que cualificou de “problema de sostibilidade” porque, segundo dixo, “aumenta o nivel de endebedamento para facer moito menos con máis”.

Ó seu xuizo, estes Orzamentos “prolongan a atonía investidora da Xunta no ano e medio da Presidencia de Feijóo que nos levan camiño de que esta lexislatura sexa unha lexislatura perdida en termos de avances sociais e da modernización de Galicia”.