O PSdeG-PSOE esixe a restitución inmediata de Uroloxía no Hospital de Lugo - PSdeG-PSOE de LUGO

O PSdeG-PSOE esixe a restitución inmediata de Uroloxía no Hospital de Lugo

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

A deputada socialista Concepción Burgo esixiulle hoxe ao goberno galego que restableza o servizo de Uroloxía no Hospital de Lugo, así como a apertura das 136 camas pechadas no verán, que ven de prorrogarse un mes mais. A deputada luguesa presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para denunciar o novo recorte na sanidade de Lugo.

Burgo denuncia unha “intolerable discriminación sanitaria” cos cidadáns de Lugo por parte do goberno de Feijóo, dentro do seu “camiño imparable cara á destrución da sanidade pública e a súa substitución pola privada”. Considera “inaceptable” que o presidente da Xunta “non soamente incumpre a promesa de instalar radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica 24 horas, senón que agora restrinxe os servizos do Hula”.

A diminución continua da calidade asistencial provoca un aumento das derivacións de pacientes á sanidade privada, o incremento da presión asistencial aos traballadores, cunha plantilla cada vez mais reducida, e a redución imparable de prestacións.

Concepción Burgo lembra que a xerencia do Hula pechou en xuño 136 camas de Medicina Interna, Cirurxía Xeral, Xeriatría e Uroloxía, previsto inicialmente ata o 15 de setembro e que “agora sabemos que vai seguir como mínimo un mes mais a pesares das necesidades de hospitalización”. A decisión veuse agravada pola noticia da desaparición da unidade de Uroloxía, co traslado dos pacientes a Traumatoloxía.