Os socialistas de Lugo apostan por López Orozco como candidato porque “con Orozco sempre hai máis Lugo e só Lugo” - PSdeG-PSOE de LUGO

Os socialistas de Lugo apostan por López Orozco como candidato porque “con Orozco sempre hai máis Lugo e só Lugo”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

Besteiro subliña que “os socialistas xogamos en Lugo cos titulares. O PP só presenta suplentes porque non considera a Lugo de primeira división”

Fronte ás grandes promesas do PP en Lugo que nunca se fixeron, o Secretario Xeral da Executiva Local defende a xestión do candidato ás eleccións, “quen fixo de Lugo unha grande cidade”

O Secretario Xeral da Executiva Local, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Secretaria de Política Municipal, Economía e Emprego, Sonia Méndez, e do Secretario de Organización, Juan Carlos González Santín, anunciaron este martes que José López Orozco será o candidato socialista oficial á Alcaldía de Lugo nas vindeiras eleccións municipais. Neste senso, Gómez Besteiro defendeu a súa candidatura e explicou porque este é o Alcalde que necesita a cidade. “Queremos a Orozco porque con Orozco sempre hai máis Lugo e só Lugo”.

“Os socialistas xogamos en Lugo cos titulares. O PP só presenta suplentes porque non considera a Lugo de primeira división”, asegurou o máximo responsable local socialista, quen lembrou os casos de Manolita, candidata á Alcaldía de Lugo cando o Partido Popular prescindiu dela en Santiago, e o de Barreiro, cando foi candidato á Deputación despois de ser defenestrado por Feijoo en Santiago. Deste xeito, engadiu: “agora, como Barreiro non se atreve a enfrontarse a Orozco nas urnas, o PP pon a Jaime Castiñeira, que leva dende 1999 no banquillo dos populares de Lugo e xa é o terceiro voceiro que cambian os populares neste mandato”.

Os socialistas aseguraron que “fronte a un Alcalde como Orozco, que encabeza o pelotón dos rexedores en Galicia como o máis valorado polos veciños, para o PP, Lugo é o coche escoba de Galicia, onde mandan ós que non queren noutro lado”.

O Secretario Xeral sinalou que o desexo de José López Orozco “foi e volverá a ser, ser Alcalde da súa cidade. Máis Lugo, e só Lugo. Fronte a isto, o suplente que agora pon o Partido Popular pouco está pola cidade, polo que para empezar a falar en serio de querer ser o noso Alcalde tería que suar a camiseta aquí“. Neste senso, o socialista destacou que “para saber dos problemas da xente é necesario facer como fai Orozco, saíndo a pé de rúa e falando cos veciños e veciñas”.

“As grandes promesas do PP sempre foron os grandes fracasos”

O Secretario Xeral da Executiva Local, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que “as grandes promesas do PP en Lugo nunca se fixeron e sempre foron grandes fracasos. Nunca se notou a un ministro galego como Rajoy nin a unha Manolita candidata á Alcaldía que presumía de reunirse co Ministro de Fomento Álvarez Cascos para facer a nova ponte de Lugo”.

Sen embargo, destacou, “sí se nota a Orozco. Lugo deixou de ser unha cidade de segunda, desbloqueando grandes proxectos que fan cidade”. Neste senso, puxo como exemplos a nova ponte no Miño, “grazas a un Ministro de Fomento que sí presume da súa terra”, José Blanco; a nova potabilizadora de auga, “unha aposta real de futuro: calidade de agua e calidade de vida, grazas ao goberno de Zapatero”; e conseguiu que Lugo pasase de ser a única capital de provincia española sen UNED, a que hoxe vaiamos pola terceira promoción, ademais do Plan URBAN, que trouxo a Lugo 15 millóns de euros.

Os socialistas piden xogo limpo

Na presentación oficial do candidato socialista, Gómez Besteiro demandou ó PP “todo o contrario do que está facendo, é dicir, xogo limpo”, e sinalou que “ata o de agora os populares e o último suplente que puxeron, non presentaron nin un só proxecto para Lugo cando deberían presentar tantos, como mínimo, como insultos e descalificacións están facendo de Orozco”.

Besteiro salientou o único proxecto que presentou Feijoo, que “quere que os lucenses paguemos por aparcar no novo hospital, un terreo que é de todas e todos os lucenses, e que no seu momento cedimos gratis precisamente para construir un hospital como merecía Lugo”. O Secretario Xeral acusou ós populares de “facer do non unha forma de facer política”, e sinalou que “o cambio está feito, e agora hai duas opcións: voltar atrás ou seguir mellorando”.

Os socialistas concluiron: “o noso candidato é Orozco, “Máis Lugo”, un Alcalde que non pensa en clave de eleccións, senón das próximas xeracións”.