PACHI VÁZQUEZ AVOGA POLAS POLÍTICAS CERCANAS AOS CIDADÁNS E DESTACA A OROZCO COMO “MARCA DE PROXIMIDADE PARA OS LUCENSES” - PSdeG-PSOE de LUGO

PACHI VÁZQUEZ AVOGA POLAS POLÍTICAS CERCANAS AOS CIDADÁNS E DESTACA A OROZCO COMO “MARCA DE PROXIMIDADE PARA OS LUCENSES”

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

O secretario Xeral do PSdeG mantivo un encontro co alcalde de Lugo e membros da corporación municipal

Ratificou o compromiso dos socialistas galegos para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas nas cidades, vilas, parroquias e aldeas

LUGO, 07 DE OUTUBRO. O secretario Xeral do PSdeG-PSOE achegouse hoxe a Lugo para compartir cos socialistas da provincia un xantar con motivo das festas do San Froilán. Ademais Pachi Vázquez mantivo un encontro no concello co alcalde, José López Orozco, e outros membros da corporación municipal.

Pachi Vázquez expresou o compromiso dos socialistas galegos para traballar tanto no Parlamento, no Congreso, no Senado, como nas cidades e nas aldeas polos cidadáns. “A sociedade demanda que resolvamos problemas. E neste momento tan difícil de crise deberemos saír dela a través dos concellos, sinalou. “Hai que chegar aos cidadáns a través das políticas municipais. Temos que simplificar ao cidadán o seu contacto coa política, e será a través dos concellos. Todos os partidos políticos, temos unha inmensa responsabilidade: facer política que se entenda, unha política de proximidade”.

Por outra banda, Vázquez falou das vindeiras eleccións municipais. “Vivimos un momento onde a política municipal vai ser unha das grandes novidades do futuro. Remata un ciclo e ábrese outro de simplificar a política e de achegarlle solucións aos cidadáns, e iso faise a través das políticas municipais”.

“Todos temos que comprometernos a traballar os próximos 4 anos nunha política de calidade de vida”, destacou, “Non é necesario medrar máis, temos un nivel de infraestruturas razoable, agora toca medrar en calidade de vida”.

Lembrou que “non é unha casualidade que os socialistas levemos 15 anos gobernando nas grandes cidades. A confianza dos cidadáns recae maioritariamente no Partido Socialista. A tendencia é cada vez máis parecida ao noso programa, á política social, á política de proximidade, á política da xente, estou seguro de que vamos a conseguir concentrar moita máis confianza da xente, nese momento”.

Neste senso, dixo que “en Lugo temos un gran e claro exemplo e Orozco é unha marca de proximidade, de estar en contacto cos cidadáns”.