A petición do PSdeG, o Pleno esixe á Xunta que repoña o servizo de bus de Lugo a Palas para facilitar a mobilidade no rural - PSdeG-PSOE de LUGO

A petición do PSdeG, o Pleno esixe á Xunta que repoña o servizo de bus de Lugo a Palas para facilitar a mobilidade no rural

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

O grupo municipal atende a demanda da veciñanza do Burgo, San Xoán do Alto, Poutomillos, Bacurín, San Pedro de Mera, Prógalo, Santa Eulalia de Bóveda e Vilachá de Mera

A petición do Grupo Municipal do PSdeG, a Corporación lucense acordou, cos votos a favor de todos os grupos excepto do PP, que se abstivo, esixir á Xunta de Galicia que repoña o servizo de bus entre Lugo e Palas para facilitar a mobilidade dos veciños do rural. Con esta proposición plenaria, os socialistas atenderon a demanda expresada pola veciñanza das parroquias do Burgo, San Xoán do Alto, Poutomillos, Bacurín, San Pedro de Mera, Prógalo, Santa Eulalia de Bóveda e Vilachá de Mera.

O voceiro socialista e Concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, explicou que a suspensión definitiva da liña de bus regular entre Palas e Lugo en xuño do 2016 “provocou un trastorno e un gasto para moitos veciños do rural, no que residen sobre todo persoas maiores, que teñen que pagar un taxi ou desprazarse en vehículos particulares”. Por iso, os socialistas piden que a Xunta repoña o servizo, ou ben a través do programa Tes+Bus, que permite compartir o bus escolar, ou ben recuperando a liña regular.

Ante a abstención do Partido Popular, Miguel Fernández asegurou que esperaba “unha maior sensibilidade” dos populares porque se trata dun “servizo público esencial que, como tal, non pode medirse pola súa rendibilidade”, ademais de cuestionar a “incoherencia absoluta” do PP que, dende a Xunta “lanza campañas de dinamización do rural e despois desmantela servizos”. “Para impulsar o medio rural é preciso fomentar o emprendemento e a dotación e mellora de servizos”, subliñou o voceiro socialista.