O PP quédase só no Pleno vetando por terceira vez o pago de facturas por 520.000€ - PSdeG-PSOE de LUGO

O PP quédase só no Pleno vetando por terceira vez o pago de facturas por 520.000€

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

O voto en contra dos populares impide que cobren entidades como a Protectora de Animais, a Fundación Camina Social, medios de comunicación, asociacións culturais como Cántigas e Frores, Lugo Rock e Amigos de Guntín, ou PEMES

O abono dos outros dous lotes de facturas pendentes (un por 1,8 millóns de euros e outro por 37.000) foi aprobado cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención dos cinco grupos da oposición

A Alcaldesa anuncia na sesión plenaria que convocará unha Xunta de Voceiros para dar conta do estado de tramitación no que está cada un dos contratos caducados

O Partido Popular quedouse só no Pleno ordinario deste xoves votando en contra por terceira vez do pago dun lote de facturas pendentes por valor de 520.000 euros. Deste xeito, o novo veto dos nove concelleiros populares impedirá que cobren entidades sociais, como a Sociedade Protectora de Animais ou a Fundación Camina Social, medios de comunicación, asociacións culturais como Cántigas e Frores, Lugo Rock ou Amigos de Guntín e diversas PEMES da cidade, entre outras organizacións.

Todas as facturas, tanto as que quedaron enriba da mesa polo veto do PP, como as restantes, cuxo pago foi aprobado, están debidamente conformadas, “é dicir, contan co aval dos servizos técnicos e dos responsables políticos”, subliñou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, que incidiu en que o que fai o Pleno ao dar luz verde a un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito é habilitar crédito.

A edil asegurou que impedir o pago de facturas, como fixo o PP co lote de 520.000 euros, “supón un grave quebranto para os colectivos que desenvolven unha imprescindible labor social, e para as PEMES e os seus traballadores, detrás dos que hai familias, hai persoas. Calquera que teña contacto con pequenas e medianas empresas sabe o que significa nestes tempos a falta de liquidez das empresas”.

Ademais do prexuízo para a economía local e o tecido asociativo, Ana Prieto incidiu en que, “de seguir na dinámica de non pagar facturas pendentes, o Período Medio de Pago seguirá aumentando. Non se pode baixar se non pagamos, non hai outra forma, e se temos este período excedido non podemos acometer investimentos con superávit, algo que non prexudica máis que á cidade e os cidadáns”.

Os outros dous lotes de facturas pendentes (un por 1,8 millóns de euros e outro por 37.000) foron aprobados no Pleno de hoxe cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención dos cinco grupos da oposición.

División por lotes

Sobre a división por lotes, a Alcaldesa subliñou que foi o acordado na Xunta de Voceiros extraordinaria celebrada hai dúas semanas para desbloquear o pago de facturas, sen que na devantida reunión, como afirmou o PP, se concretarse en ningún momento o número de lotes.

A Concelleira de Economía afirmou que, segundo lle informou o servizo de Intervención, “tecnicamente non hai máis criterios de división que en dous lotes –as facturas sen disfuncións e as que teñen algunha disfunción-. Dividir en máis lotes sería discrecional porque a lexislación non entende de tipos de reparos segundo contratos, dado que o defecto procedimental é o mesmo; non podemos traer unha proposta discrecional”, subliñou.

Situación dos contratos

A Alcaldesa, Lara Méndez, explicou que en máis dunha ocasión “temos dito que imos máis lentos do que quixeramos en poñer ó día os contratos caducados; asumimos a nosa parte de culpa, como temos manifestado moitas veces en Xunta de Voceiros, a título individual cos portavoces ou publicamente, como é hoxe o caso”.

“Estase traballando para darlle resposta a esta situación”, engadiu a rexedora, sinalando que o Goberno “é o primeiro que non quere utilizar un procedemento excepcional, como é o recoñecemento extraxudicial de crédito, como una práctica habitual, pero en tanto, é a única forma que temos de poder solventar esta situación”. “Así o manifestamos na Xunta de Voceiros extraordinaria na que analizamos como desbloquear o pago de facturas; por iso vén hoxe a Pleno esta división por lotes. Nesa reunión quedouse en que os servizos técnicos decidisen en cantos lotes se ía a dividir, pero en ningún momento se concretou o número”.

A Alcaldesa anunciou así mesmo na sesión plenaria que a vindeira semana, se é posible, ou en todo caso, na maior brevidade posible, convocará unha Xunta de Voceiros extraordinaria “para dar conta do estado de tramitación no que está cada un dos contratos vencidos nos que estamos a traballar para, dentro das posibilidades, renovalos o antes posible”.

Declaracións de Ana Prieto