O PP veta outra vez de forma arbitraria o pago de facturas a asociacións culturais, prensa e autónomos - PSdeG-PSOE de LUGO

O PP veta outra vez de forma arbitraria o pago de facturas a asociacións culturais, prensa e autónomos

Share on FacebookTweet about this on TwitterEmail this to someone

O voto en contra dos populares impide por cuarta vez que cobren 12 provedores, entre eles, asociacións como Cántigas e Frores, Amigos de Guntín ou Lugo Rock, medios de comunicación e PEMES lucenses

O Pleno aproba o cambio da ordenanza reguladora das taxas de guindastres, materiais de obra e terrazas, que baixan, e a de comedores, que permite a prestación deste servizo polo Concello, aínda sendo competencia da Xunta

O Partido Popular volveu a quedarse só no Pleno ordinario deste xoves vetando de maneira totalmente arbitraria por cuarta vez o pago de facturas a 12 provedores, entre eles. asociacións culturais, medios de comunicación, PEMES e autónomos lucenses, que, debido á “irresponsabilidade” dos populares non percibirán 330.000 euros, “provocándolles un grave quebranto económico a estas entidades e con iso á propia economía local”, explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

O voto en contra do PP impide que cobren asociacións culturais como Cántigas e Frores, Amigos de Guntín ou Lugo Rock, colectivos que xogan un papel fundamental na riqueza cultural e dinamización da provincia, charangas, medios de comunicación e PEMES e autónomos lucenses, aos que os populares decidiron vetarlles o abono de cantidades que van dende os 450 euros por unha actuación no rural aos 8.200 euros, “de maneira totalmente inxustificada”.

Ana Prieto recalcou a “discrecionalidade” coa que actúa o PP, pois “permite o pago de facturas ás grandes compañías eléctricas e denega as de asociacións culturais e pequenas empresas, que moitas veces dependen deste ingresos para a súa supervivencia, e cando os servizos foron debidamente prestados e as facturas están conformadas, “é dicir, contan co aval dos servizos técnicos e dos responsables políticos”.

A edil asegurou que impedir o pago de facturas, como fixo o PP con estes 12 provedores, “supón un grave quebranto para os colectivos que desenvolven unha imprescindible labor social, e para as PEMES e os seus traballadores, detrás dos que hai familias”.

A Concelleira subliñou que a división das facturas pendentes en 24 lotes, tomando como criterio os provedores, fíxose precisamente en función das conclusións manifestadas polos grupos municipais en anteriores plenos e co fin de que “non houbese escusa algunha por parte do PP para impedir o abono, pero aínda así non foi posible, e será a cidadanía e o tecido asociativo e empresarial o que pague as consecuencias da insensatez do PP”.

Ordenanzas

O Pleno aprobou, co voto a favor do PSdeG e a abstención da oposición, a modificación, a raíz dunha sentenza do TSXG, da ordenanza 152, reguladora dos aproveitamentos especiais da vía pública por guindastres, materiais de construción e terrazas, que rebaixa as taxas e sitúa a Lugo na media das grandes cidades galegas, así como a implantación da ordenanza 406, reguladora do prezo público dos comedores, que permitirá ao Concello a prestación deste servizo, aínda sendo unha competencia da Xunta de Galicia.

Neste senso, a Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que esta medida é froito “dunha decisión política”. “A Xunta non quixo asumir a súa competencia, e ante esta situación, o Concello non quixo deixar aos nenos e nenas da nosa cidade sen comedor, aínda tendo que asumir unha competencia impropia e tendo que aprobar unha ordenanza de mínimos”, afirmou.

Pola súa banda, Ana Prieto, asegurou que “aínda non sendo as mellores ordenanzas para cada un dos grupos municipais, son unhas boas ordenanzas, que estamos dispostos a seguir mellorando na mesa de traballo sobre estas normas fiscais”. En canto á progresividade das taxas dos comedores, á que se referiron todos os grupos municipais, a Concelleira de Economía explicou que non se implantou pola falta de “recursos técnicos e humanos”, subliñando que “ningunha familia se quedarán sen servizo de comedor por falta de recursos económicos, pois a Concellaría de Benestar Social contempla unha contía económica para facilitar a prestación a quen o precise”.

Prieto indicou que ningunha grande cidade de Galicia conta con ordenanza de comedores, aínda que prestan este servizo, que a elaboración contou co asesoramento dunha nutricionista para que os alimentos sexan axeitados ás necesidades nutricionais dos nenos e nenas, e que o texto elevado hoxe a Pleno conta co visto bo da Federación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (FAPACEL), que fixo aportacións ao mesmo.

Declaracións de Ana Prieto