Lara Méndez mantivo hoxe unha reunión de traballo co Secretario Xeral do PSdeG, quen denunciou que “Feijóo non fixo nada para mellorar a situación de Lugo e Ourense”

Gómez Besteiro subliñou que “Lara Méndez está na comisión territorial da FEMP, onde poderá trasladar o traballo que o partido fai en Lugo desde hai anos”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo hoxe unha reunión de traballo co Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, un encontro no que falaron dos eixes centrais da acción de goberno socialista da cidade, como o benestar social – Lugo é o primeiro concello de Galicia e o cuarto de España que máis inviste nestas políticas- e a creación de emprego e a dinamización económica, que pasa por apostar polos sectores estratéxicos como o turismo.

A Alcaldesa destacou que tamén falaron das infraestruturas e servizos necesarios para a cidade de Lugo, como os servizos sanitarios básicos dos que carece o HULA. Neste senso, dixo que coa destitución de Rocío Mosquera como Conselleira de Sanidade, o Presidente da Xunta “ratifica o que xa dixemos os lucenses no seu día, danos a razón, cando recriminamos a actitude da Conselleira”, quen foi declarada persoa non grata no Concello.

Neste senso, Lara Méndez demandou ao novo titular de Sanidade que “unha das súas primeiras medidas sexa poñer en marcha un servizo de hemodinámica 24 horas no HULA”. “Toda a provincia esixe melloras no centro e a Xunta ata o de agora non escoitou”, subliñou.

Tamén falaron doutro tipo de infraestruturas, como pode ser a Intermodal, a dotación de servizos no barrio da Residencia, prazas de residencias e garderías públicas, “unhas infraestruturas e servizos imprescindibles para os veciños e veciñas da cidade de Lugo”, asegurou a Alcaldesa.

Pola súa banda, Gómez Besteiro manifestou que “o presidente da Xunta chega ao Debate do Estado da Autonomía sen os deberes feitos, cun goberno e unha Galicia en crise”. O Secretario Xeral do PSdeG tamén denunciou “a diverxencia da Galicia interior co resto de España, aínda maior que a do conxunto da comunidade; Feijóo non fixo nada para mellorar a situación de Lugo e Ourense”.

“A política municipal é un exemplo do traballo que fan os socialistas, coa prioridade das políticas sociais e de emprego, o que demostra que hai outra forma de gobernar”, afirmou o Secretario Xeral do PSdeG, que lembrou que “Lara Méndez está na comisión territorial da FEMP, onde poderá trasladar o traballo que o partido fai en Lugo desde hai anos”.

“Mentres, Feijóo acaba de facer uns cambios no seu goberno que non sabemos se serán nominais ou de calado, o que si queda claro é que son unha emenda á totalidade ao traballo desenvolvido pola Xunta, dubido que os cidadáns pensen que nun ano poderán facer o que non fixeron en sete”, engadiu Besteiro.