A mandataria asinará un Bando habilitando o prazo dun mes para legalizar aquelas que son autorizables e retirar as que ocupan zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento.
A rexedora comunicoullo esta mañá ao sector co que tamén se reunirá proximamente para abordar a nova Ordenanza municipal que rexerá a colocación destas instalacións.
“Cando dispoñamos do borrador definitivo, iniciaremos un traballo conxunto para que acheguen as súas propostas e melloren un documento que será estratéxico para a ordenación e a estética da cidade”, afirmou Alvarellos Fondo.
A alcaldesa Paula Alvarellos anuncia o inicio inmediato dun proceso de regularización das terrazas de hostalaría
A mandataria asinará un Bando habilitando o prazo dun mes para legalizar aquelas que son autorizables e retirar as que ocupan zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento.
A rexedora comunicoullo esta mañá ao sector co que tamén se reunirá proximamente para abordar a nova Ordenanza municipal que rexerá a colocación destas instalacións.
“Cando dispoñamos do borrador definitivo, iniciaremos un traballo conxunto para que acheguen as súas propostas e melloren un documento que será estratéxico para a ordenación e a estética da cidade”, afirmou Alvarellos Fondo.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, avanzou hoxe ao tecido hostaleiro da cidade – Asociación Provincial APEHL e Lugo Monumental – que nas vindeiras semanas se lles trasladará o borrador da nova Ordenanza municipal que rexerá a colocación de terrazas na cidade co fin de que poidan estudar o documento, abordalo coas empresas asociadas aos diferentes colectivos “e achegar as suxestións que consideren máis oportunas para melloralo e aprobalo en consenso, co fin de que poida entrar en vigor o máis axiña posible”.
“Todo canto nos trasladen será estudado minuciosamente para avaliar a viabilidade das súas propostas, sempre en prol de beneficiar ao interese xeral e permitir o desenvolvemento e crecemento económico dos negocios pero tamén garantindo a accesibilidade e a seguridade viaria así como a mellora estética das zonas nas que se concentran este tipo de instalacións”, sinalou a rexedora.
Un aspecto no que Paula Alvarellos comezará a incidir xa de inmediato, de xeito que a mandataria lucense aproveitou para anunciar ás entidades o inicio dun proceso regulador que se levará a cabo este mes de marzo na capital e que conlevará, entre outros aspectos, a supresión das terrazas que na actualidade ocupan tanto zonas de carga e descarga como prazas de estacionamento.
“A chegada da Covid -19 en 2020 e a ameaza que esta supuxo para a poboación e para a economía global conlevou á adopción, por parte deste Goberno local, de medidas de carácter extraordinario tanto de tipo económico, como fiscal, social e de ordenación do espazo público en prol de apoiar ás familias e pular pola supervivencia dos principias sectores produtivos do municipio, nominativamente o da hostalería, cunha transcendencia notoria no PIB da provincia”, lembrou a alcaldesa.
“Así, o Concello autorizou a este colectivo empresarial a ampliar e/ou habilitar novas terrazas, a custo cero, durante dous anos, que se instalaron no espazo público a fin de que as medidas sanitarias de limitación de aforo non comprometeran a viabilidade dos seus negocios mentres que, dunha forma paralela, fomos traballando na elaboración dunha Ordenanza que recollera a normativa estética e de ocupación que implica a colocación deste mobiliario na vía pública co obxectivo de uniformizar, dun xeito armonioso coa contorna, a súa apariencia e conciliar a súa existencia co dereito da veciñanza a transitar en condicións plenas de inclusión”, abondou.
A rexedora adiantou que, “xa que logo, neste momento, próximo a dispoñer desta nova normativa e, cando trancorreron xa catro anos da pandemia e a crise sanitaria se considera superada, cómpre iniciar un proceso de ordenación da utilización que os establecementos hostaleiros están a realizar do espazo colectivo, no que tivemos moi en conta a proliferación de queixas cidadás advertindo dun excesivo aproveitamento que condiciona tanto a mobilidade peonil como a do tránsito rodado na capital”.
Para reverter esta situación, Paula Alvarellos asinará nos próximos días un Bando que suporá o comezo dun proceso regulador a través do cal se requirirá ás persoas titulares destes locais que, no prazo dun mes dende a súa publicación, procedan á retirada das terrazas instaladas en zonas de estacionamento, zonas de carga e descarga así como ao levantamento do material que teñen apilado e en desuso nas proximidades.
Igualmente, durante ese período, as e os titulares dos establecementos hostaleiros interesados en obter a autorización correspondente para a instalación dunha terraza na vía pública poden solicitala conforme a unha serie de condicionantes técnicos cos que se trata de garantir o libre acceso de persoas e vehículos de emerxencia para acadar o correspondente permiso de instalación.
As solicitudes poderán presentarse ben telematicamente, a través da sede dixital do Concello www.lugo.gal ben, fisicamente, na Unidade de Mobilidade situada no edificio da Policía Local de Lugo (rúa das Artes, 35; San Fiz).
Ao tempo que se realiza a advertencia de que pasado este período dun mes para a regularización das terrazas do municipio, o Concello iniciará un dispositivo inspector e sancionador de comprobación da eficacia do devandito Bando.
A alcaldesa Paula Alvarellos, agradeceu a colaboración dos colectivos para levar adiante este proceso de regularización, “sendo conscientes do esforzo que fixo o Executivo local nos últimos anos para apoiar a viabilidade do establecementos hostaleiros”, concluíu a rexedora.