Lara Méndez secundou a chamada da plataforma Lugo… non perdas o tren que esixe a chegada do AVE, a construción da intermodal e a mellora do ferrocarril de cercanías, e participou na viaxe máis reivindicativa da historia de Galicia
“Non podemos perder máis o tempo, non podemos perder o tren, non podemos perder infraestruturas. Os veciños decimos basta xa a esta discriminación que está a exercer a Xunta de Galicia con Lugo”, destacou a rexedora
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, realizou este xoves unha viaxe en tren, a máis reivindicativa da historia de Galicia, que organizou a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para esixir uns “servizos ferroviarios dignos” na cidade e na provincia, posto que a Xunta Galicia e o Goberno Central seguen sen impulsar as conexións ferroviairas en Lugo. Trátase dunha viaxe coa que a plataforma veciñal Lugo… non perdas o tren quere pór de manifesto a necesidade que ten Lugo duns servizos ferroviarios acordes ao século XXI, que pasan pola chegada do AVE, a construción dunha estación intermodal, o control do tráfico de mercadorías por vía ferroviaira, un plan urbanístico para a zona da estación de Lugo, maior número de frecuencia nas conexións a Madrid e Barcelona, suspensión de pasos a nivel ou mellor conexión no ferrocaril de cercanías, entre outros.
Méndez estivo acompañada polo Secretario Xeral do PsdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, os Alcaldes de Monforte, Ribas de Sil, Incio, Sarria, A Pobra do Brollón, Guitiriz, Viveiro, Láncara, Monterroso e Rábade, así como senadores, deputados autonómicos e nacionais e membros da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, da Federación de Comercio, Asociación Provincial de Hostelería, Confederación de Empresarios, Colexio de Graduados Sociais, Asociación de Prensa, Colexio de Avogados de Lugo, Cruz Vermella, Asociación de Talleres, e os sindicatos UGT, CC.OO e CIG-Saúde.
“A cidade de Lugo séntese discriminada unha vez máis”, asegurou a rexedora minutos antes se subir ao tren, que partiu ás 11:00 horas da estación de Lugo cara a Monforte, ao tempo que lembrou a reunión que mantivo co Presidente da Xunta no mes de agosto, onde Feijóo adquiriu o compromiso da estación intermodal. “A realidade son 0 euros nos orzamentos da Xunta para o 2016, vendo como outras das capitais de Galicia si teñen designadas partidas orzamentarias para as súas estacións”, destacou Lara Méndez.
“Non podemos perder máis o tempo, non podemos perder o tren, non podemos perder infraestruturas que nos comuniquen co resto da provincia, de Galicia e da Meseta. Lugo está discriminada pola Xunta de Galicia e os veciños de Lugo decimos basta xa a esta discriminación”, concluíu a rexedora, quen remarcou que os lucenses demandan o “xusto, o mesmo que o resto das cidades, non máis nin tampouco menos”, posto que Lugo é a capital de provincia peor conectada co resto do territorio galego e español.