A rexedora participará mañá na nova concentración dos veciños da Residencia para “esixir servizos que dinamicen o barrio e novos usos para os edificios do vello hospital”. “Non valen promesas, queremos feitos a través do DOG”

“Espero que Vigo teña máis sorte que Lugo cos compromisos de Feijóo sobre o Xeral tras a apertura do Álvaro Cunqueiro. Aquí o único que temos é abandono, edificios desmantelados e deteriorados”

“A punto de cumprirse cinco anos da apertura do HULA, o balance das xestións que realizou a Xunta de Galicia para facer realidade as continuas promesas de dotar de servizos ao barrio da Residencia e darlle novos usos ao antigo Hospital Xeral é igual a cero”, subliñou este mércores a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen avanzou que, unha vez máis, mañá participará na nova concentración convocada pola asociación de veciños e comerciantes do barrio co fin de esixir servizos e infraestruturas que o dinamicen.

A rexedora asegurou que, despois de “tantos anuncios e declaracións do Goberno galego que sempre quedaron en nada, non nos valen promesas, queremos feitos a través do Diario Oficial de Galicia”.

Lara Méndez fixo estas declaracións tras coñecer o anuncio da Xunta de reubicar as instalacións xudiciais da cidade de Vigo no hospital xeral, que quedou baleiro tras a apertura do Álvaro Cunqueiro. “Esperamos que Vigo teña máis sorte que Lugo cos compromisos de Feijóo sobre o Xeral porque, cinco anos despois, aquí o único que temos é abandono, edificios desmantelados e deteriorados nun nivel tan grave que no Materno Infantil chove dentro e no Xeral xa non se pode nin entrar”.

A Alcaldesa afirmou que os “únicos que estamos traballando polo futuro da Residencia somos o Concello, as asociacións e os veciños de Lugo, a través da comisión municipal que temos en marcha para impulsar medidas que revitalicen o barrio e tamén para poñer en evidencia a nefasta xestión da Xunta, que, tendo a responsabilidade, está deixando caer os edificios e que a día de hoxe non ten absolutamente ningún plan concreto para darlle uso a este complexo”.