As declaracións do PP débense “a unha mala interpretación, errónea e retorcida das ordenanzas municipais co único fin de desvirtuar a realidade”, subliñou a Alcaldesa
A aplicación da taxa para a liquidación correspondente pola ocupación realizada pola empresa que instalou unha pista de xeo entre o 27 de novembro de 2015 e o 4 de febreiro de 2016 na praza Horta do Seminario está perfectamente regulada e responde de maneira estrita a criterios técnicos, polo que as declaracións do grupo municipal do Partido Popular ao respecto responden “a unha mala interpretación, errónea e retorcida, das ordenanzas municipais para intentar desvirtuar a realidade”, subliñou este venres a Alcaldesa, Lara Méndez, antes de ofrecer unha recepción a 12 alumnos alemáns que están de intercambio co instituto Sanxillao.
En concreto, as disposicións técnicas do servizo de Facenda Local recollidas nun decreto asinado pola Concelleira de Economía, Ana Prieto, o 25 de febreiro, establecen que é de aplicación o artigo 4º, epígrafe E, letra B) da ordenanza fiscal nº152, reguladora das taxas por aproveitamentos especiais da vía pública, correspondente a “Actividades industriais ou actividades da rúa e ambulantes”, en concreto, “Actuacións circenses e outras semellantes”, estando enmarcada a pista de xeo na segunda parte deste epígrafe –“outras semellantes”-, dado que, evidentemente, non se tratou dunha actuación circense, e que unha ordenanza reguladora nunca pode especificar unha por unha toda a casuística de eventos ou actividades que se organizan nunha cidade –ADXÚNTASE O DECRETO NO QUE SE ESTABLECEN OS CRITERIOS TÉCNICOS UTILIZADOS PARA APLICAR A TAXA E A ORDENANZA REGULADORA CORRESPONDENTE–
Deste xeito, queda de manifesto que a aplicación da taxa está regulada e responde a criterios estritamente técnicos. “O Goberno non decide que taxa se aplica, é unha cuestión técnica”, subliñou a Alcaldesa.
Lara Méndez recomendou ao Partido Popular que, antes de “tratar de utilizar politicamente unha cuestión coma esta, debería coñecer ben as ordenanzas e os procedementos da administración, sobre todo despois de máis de 16 anos na oposición, e, cando non saiba, debe preguntar aos técnicos ou ao Goberno”.
Factura
Por outra banda, e con respecto ás declaracións de Ciudadanos sobre o importe da factura presentada ao Concello pola empresa da pista de xeo -16.000 euros-, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, reiterou que tal cantidade, que deberá ser xustificada pola firma, corresponde a 600 invitacións, pero tamén a entradas de diversas asociacións, colectivos, centros educativos… que en total suman máis de 3.500 persoas.