Os socialistas seguen reuníndose con representantes de diferentes ámbitos da sociedade lucense

José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado doutros integrantes da mesma, como Ana González Abelleira, Ana Prieto e Adrián Vázquez Fernández, mantiveron un encontro hoxe coa Xunta Directiva e con parte do persoal da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade de Lugo no Centro Ocupacional nº 1.

A candidatura socialista escoitou da man dos representantes da entidade o relato sobre a súa situación e o importante labor que desenvolven na atención das persoas con discapacidade intelectual, así como dos seus proxectos de futuro. Ó mesmo tempo, a Xunta Directiva e o persoal do centro achegáronlle a José López Orozco e os demais integrantes da candidatura as súas demandas co fin de que poidan ser recollidas no programa electoral co que os socialistas lucenses concorrerán ás eleccións municipais do próximo 24 de maio.

Os encontros con diferentes representantes da vida social, económica, empresarial, educativa e veciñal lucense continúan mañá martes con dúas xuntanzas: ás 11 horas da mañá no Vicerreitorado da Universidade e ás 12:30 horas coa ONCE.