Méndez pregúntase se Jaime Castiñeira exerce de asesor xurídico do IGVS no lugar de asumir os criterios dos servizos municipais
A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, lamenta que o Voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, adique máis enerxía a defender ó Instituto Galego da Vivenda e Solo que á defensa dos intereses dos cidadáns de Lugo.
Méndez considera inaudito que o Voceiro do grupo municipal popular poña tanto empeño en tratar de que o IGVS non pague a débeda que ten contraída co Concello polo impago de impostos municipais. Méndez pregúntalle a Jaime Castiñeira canto diñeiro leva pagado o IGVS dos impostos que adebeda desque se lle fixo a reclamación.
A Concelleira de Economía destacou as contradicións existentes entre altos cargos da Xunta nas declaracións que fixeron estes días respecto do importe da débeda contraída co Concello. Así, mentres o Conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, dixo o mércores pasado no Parlamento galego que o importe aproxímase ó 20% da cifra que reclama o Concello só uns días despois, o director do IGVS, Antonio Boné, cifrouna nun tercio do total.
En canto ás bonificacións solicitadas polo IGVS, a Concelleira reiterou que os servizos municipais manteñen que o Instituto de Vivenda e Solo non ten dereito a elas e por iso lle foron desestimadas as peticións que fixo. Os servizos municipais consideran que a lei só prevé bonificacións para titulares particulares que adquiran unha vivenda de protección oficial e non para a administración encargada de xestionar ditas promocións. Neste sentido, Méndez preguntouse se Jaime Castiñeira ademais de actuar como delegado da Xunta en Lugo tamén asume agora funcións que son propias da asesoría xurídica da administración galega.