Sonia Méndez destacou que “son máis puntos os que nos unen que os que nos separan” en referencia as propostas electorais.

O socialista José López Orozco encabezou o equipo de traballo do PSdG-PSOE, formado polos concelleiros Sonia Méndez, Luis Álvarez e Lino González Dopeso, que compartiron mesa de negociación coa comisión do BNG para tentar chegar a un acordo para un goberno de coalición. Nesta primeira xuntanza expuxéronse os programas de ambos partidos para ver os puntos coincidentes e sobre os que hai que chegar a acordos.

A concelleira Sonia Méndez explicou que “no encontro primou a sintonía entre os representantes de ambos partidos e está levándose a cabo nun ambiente de cordialidade a nivel persoal e a nivel de propostas electorais.” Desta maneira, a socialista, confirmou que se estiveron estudiando os programas electorais e apreciouse que “son moitos máis os puntos que nos unen que os que nos separan”.

O encontro estivo marcado pola posta en común das ideas e proxectos en materia de emprego e benestar social, as principais preocupacións dos socialistas, e sobre as que se chegaron a unha posta en común. Sonia Méndez indicou que “traballaremos por un acordo que beneficie a cidade e aos lucenses e sobre todo moi centrados nos temas que nos preocupan aos partidos políticos e aos veciños como son o fomento do emprego, a creación de postos de traballo e o benestar social. Nestes puntos estamos en total acordo.” A concelleira socialista tamén lembrou que o PSdG-PSOE está disposto a negociar sen ningún tipo de prexuízo e con total apertura polo ben da cidade e dos veciños e veciñas.

Desta maneira, as reunións continúan ao longo desta semana para “pechar as liñas programáticas e o acordo xeral que rexirá a actividade municipal ademais de que aínda quedan por pechar as áreas e chegar a acordos en determinados temas” segundo destacou a socialista Sonia Méndez.