Os secretarios xeral, de Novas Tecnoloxías e de Formación presentaron a iniciativa, deseñada para acadar unha estratexia de futuro que permita facer fronte aos desafíos actuais e consolidar un modelo de cidade integral, a través da participación cidadá

Articúlase en torno a cinco eixos integrais –democracia, economía, educación, sociedade e cultura e patrimonio-, a partir dos que se prioriza “o social como inversión, dando proxección aos diferentes sectores, e impulsando unha política para, por e dende a cidadanía”

Unha vez presentado publicamente, iniciarase unha campaña de difusión entre a militancia, nos diferentes barrios e distritos, de tal xeito que os acordos acadados en cada unha das reunións, así como as propostas recibidas sexan incluídos no programa electoral de 2015

Os secretarios xeral, de Novas Tecnoloxías e de Formación –Luis Álvarez, Miguel Caloto e Adrián Vázquez- presentaron este venres o proxecto “Municipio/cidade”, deseñado pola executiva local do PSdeG-PSOE de Lugo co fin de dar unha resposta axeitada e eficaz á sociedade lucense, deseñando unha estratexia de futuro que permita facer fronte aos desafíos actuais e consolidar un modelo de cidade integral, a través da participación cidadá.

Trátase pois, segundo indicou Luis Álvarez, de “consolidar as liñas impulsadas dende concello e deputación; de dar proxección ás demandas dos diferentes sectores sociais, a través dunha maior proximidade e participación; de sumarse ás novas dinámicas político-sociais impulsadas dende a Unión Europea nos ámbitos locais; e de afondar nas principais liñas político-sociais, poñendo en práctica unha política para, por e dende a cidadanía, co fin de establecer unha reflexión destinada á toma de decisións sobre asuntos que lle afectan”.

A este respecto, o secretario de Formación subliñou que “consiste en propoñer outra forma de facer política, co fin de ser o acicate da militancia e de que esta recupere a ilusión no Partido Socialista. En definitiva, será o instrumento que permitirá acadar un Partido aberto á toda a sociedade; un Partido integral que parta dunha democracia participativa e inclusiva, que dé a oportunidade aos cidadáns de facer as súas propostas sobre o modelo de cidade que queren”.

Deste xeito, o proxecto porase a disposición de calquera persoa a través da páxina web da executiva local, onde se activarán cinco contas de correo electrónico para atender as peticións de veciños, colectivos, asociacións, etc. Todas elas serán respostadas de xeito individualizado, pois, tal e como indicaron os integrantes da executiva local, o fin último desta é recoller cada unha das propostas para o deseño do programa electoral de 2015.

5 eixos integrais
O proxecto articúlase en torno a cinco eixos integrais:

1.- Democracia: a executiva local persegue elaborar un modelo participativo que introduza e vincule na acción política ao maior número de sectores implicados, seguindo para elo as experiencias doutros municipios e administracións que xa puxeron en marcha iniciativas como a Lei de Participación Cidadá –é o caso de Andalucía- ou a normativa dos presupostos participativos que está a desenvolver o concello de Xirona. Asimesmo, tomarán como referencia a experiencia dos Consellos Sociais, a través dos que cidades como Santander promoven e canalizan unha reflexión conxunta das entidades e os cidadáns en materia de desenvolvemento económico local, planificación estratéxica da cidade e grandes proxectos urbanos, facendo posible unha maior participación dos veciños nestas materias.

2.- Economía: Neste caso, fomentarase o dinamismo económico-social creando diálogos produtivos e instaurando a “Dinámica Fomento de Lugo. Será a través do impulso de sectores estratéxicos como os das enerxías renovables, comercios, industria agroalimentaria, conservas, produtos manufacturados, etc, e da creación dun plan de mobilidade, elaborado con políticas europeas como os fondos FEDER.

3.- Educación: “Como cidadáns facémonos cargo dunha reflexión destinada á toma de decisións sobre asuntos que nos afectan”, indicaron os socialistas lucenses.

4.- Sociedade: No marco deste eixo elaborarase un estudo socio-cultural/económico que recolla oportunidades, capacidade e incidencia dunha estratexia, así como a posibilidade de formación e emprego. Trátase, destacou Álvarez, de priorizar “o social como inversión e a calidade socio-económica”.

5.- Cultura e Patrimonio: O proxecto inclúe a planificación de rutas culturais interconectadas con potencial socio-económico a partir das seguintes liñas básicas: posibilidades de obradoiros de empresa destinados á concreción de ofertas de ocio, cultura e turismo; detección de necesidades de formación a partir do traballo desenvolvido; rede museística interconectada e unha maior presencia na Rede.

Cronograma do proxecto
A executiva local iniciou o deseño deste proxecto en outubro de 2013. Unha vez finalizado e e realizada a presentación pública, ata outubro de 2014, levarase a cabo unha campaña de difusión entre a militancia que culminará nunha asemblea na que se exporán as propostas e o avance do mesmo.

Dende outubro deste ano ata xaneiro de 2015, desenvolverase a fase “en pé de rúa”; período no que será presentado nos distintos barrios e distritos, de tal xeito que os acordos acadados en cada unha das reunións serán incluídos no programa electoral de 2015. A última fase rematará, precisamente, en maio de 2015 coa plasmación nas políticas de goberno local.