“O único que fixo o PP, sementando dúbidas infundadas sobre un procedemento que, segundo deixou claro o Secretario, cumpre todas as garantías legais, foi atrasar un debate e entorpecer o labor dos funcionarios”, subliñou a Alcaldesa
“Sabían de antemán que o cambio das ordenanzas ía fóra da orde do día do Pleno de onte e non dixeron nada ao respecto na Xunta de Voceiros nin nas dúas comisións de contas previas. Castiñeira quixo montar o número e buscar a foto”
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este venres de que a modificación das ordenanzas fiscais será debatida nun pleno extraordinario que foi convocado esta mesma mañá para o vindeiro martes, 1 de decembro, ás 16:00 horas. “O único que fixo Castiñeira, sementando dúbidas infundadas e un certo medo innecesario sobre un procedemento que, segundo deixou claro o Secretario, estivo totalmente regrado e cumpre todas as garantías legais, foi atrasar un debate que podía terse celebrado onte, ademais de entorpecer o labor dos funcionarios, que parece que é o seu obxectivo constante”, subliñou a rexedora.
“Vamos a debater as ordenanzas, como non pode ser doutro xeito, porque ademais algúns dos cambios propostos obedecen a peticións de colectivos, asociacións e movementos veciñais, como as taxas por ocupación de vía pública con terrazas e grúas”, afirmou Méndez. O martes “cada un mostrará a súa posición ao respecto. O único que fixo Castiñeira foi obrigar a pospoñer un debate, que, en vez de onte, se fará a semana que vén”, recalcou.
Lara Méndez agradeceu “o esforzo” de todo o equipo técnico do servizo municipal de Facenda “polo gran traballo que fixeron durante estes meses”, tendo en conta ademais “a complexidade” que leva consigo o cambio das ordenanzas, que en moitos casos consistiu na súa adaptación á normativa vixente.
A Alcaldesa explicou que, despois de varios anos nos que non se modificou ningunha ordenanza, o Goberno estivo traballando nesta proposta dende que tomou posesión en xuño e esta foi abordada en dúas comisións de contas “fomentando o debate e a participación”, polo que “non é nada improvisado”.
Neste senso, Lara Méndez considerou “curioso, paradoxal e incongruente” que, sabendo de antemán que o cambio das ordenanzas ía fóra da orde do día do Pleno de onte, por vía de urxencia, os grupos da oposición “non dixesen absolutamente nada ao respecto na Xunta de Voceiros do luns, nin nas dúas comisións de contas previas, a última o mércores, o día antes da sesión plenaria”. “Está claro que Castiñeira quixo montar o número. Veu buscar a foto nunha mostra máis da súa incongruencia, algo que non nos estraña, pois vimos en varias ocasións ao longo do Pleno como se ía contradicindo nos seus argumentos”.
Polo diálogo
Así mesmo, a rexedora explicou que, se a proposta de ordenanzas tivo que ir fóra da orde do día “foi precisamente para atender as emendas que presentaron os grupos políticos, por querer atendelas con informes técnicos para avalar a legalidade da súa inclusión ou non, en aras do diálogo como ferramenta de traballo. Podemos chegar ou non a acordos, pero sempre dialogaremos”.