Baixo o liderado do PP e con Castiñeira como voceiro, os grupos da oposición acordaron hoxe unha iniciativa que deixa á cidade sen ORA e a 16 persoas no paro, como fixeron no Pleno de setembro cos 11 empregados da grúa
O Goberno defendeu, por responsabilidade e con informes técnicos na man, manter a xestión indirecta da ORA de forma transitoria e, paralelamente, iniciar a municipalización, sen que a oposición fose capaz de dar argumentos en contra
Os cinco grupos da oposición -ACE, Cidadáns, BNG, Lugonovo e PP- mandaron á rúa a case 30 traballadores nos dous últimos plenos ordinarios da Corporación, o de setembro e o deste xoves, ao aprobar, baixo o liderado do Partido Popular e con Jaime Castiñeira como voceiro, que se inicie un proceso para implantar, sen estudos previos sobre a súa viabilidade, a xestión directa da ORA e a grúa, sen dar alternativa algunha para garantir os postos de traballo das persoas que prestan estes servizos.
O Goberno, por “responsabilidade e sensatez”, como explicou o Voceiro, Miguel Fernández, e ante os catro informes técnicos que así o avalan, propuxo á Corporación manter de maneira transitoria o actual modelo de xestión indirecta e, paralelamente, iniciar o proceso de municipalización. Isto garantiría prestar un servizo de rotación e mobilizade do tráfico “necesario e demandado” polo tecido socioeconómico da cidade e mantería os postos de traballo, nunha cidade que ten a día de hoxe máis de 7.200 parados.
Sen embargo, os grupos da oposición, pese a avalar a decisión de suspender a ORA que o Goberno tomou en xullo para cumprir a sentenza do TSXG que declara nulo de pleno dereito o anterior contrato e ser incapaz de dar argumento algún en contra da proposta do Goberno de manter provisionalmente o modelo de xestión indirecta e abrir ao mesmo tempo o proceso de municipalización, uníronse para votar unha iniciativa coa que a cidade queda sen ORA e de facto deixa na rúa a 16 traballadores, sen expectativas de recuperar os seus postos. O mesmo sucedeu no pleno de setembro cos 11 empregados da grúa.
O Goberno, na defensa do público
O voceiro municipal defendeu que o Goberno e o partido “progresista e de esquerdas” que o sustenta “defendemos o público; cremos que é a mellor maneira de xestionar os servizos públicos”, polo que “avanzar na municipalización vai ser o santo e seña deste goberno. Iso si, sempre e cando sexa viable, priorizando o interese xeral e avaliando os medios dos que dispón o Concello”.
A Reforma Local, imposta polo Goberno central do PP, aboca ao Concello “a unha taxa de reposición cero a imposibilita contratar”, polo que na actualidade “hai moitos servizos directos que están infradotados de persoal, como Actas, Urbanismo, Policía ou Bombeiros” e “resulta imposible municipalizar todos os servizos que a día de hoxe temos de xestión indirecta”.
Deste xeito, o primeiro que fará o Goberno socialista será “reestructurar e redimensionar” a estrutura da administración e aprobar a Relación de Postos de Traballo, e logo remunicipalizar servizos. No caso da ORA, explicou o voceiro, “os catro informes elaborados polos técnicos aconsellan que, sen máis estudos previos, non se vaia a unha municipalización de xeito inmediato, pois este proceso “largo e complexo”, levaría entre dous e tres anos e “a día de hoxe non temos a garantía de que desembocase nunha xestión directa polas limitacións de contratación, co que quizais finalmente habería que acabar contratando a unha empresa”.
Incoherencia da oposición
A Alcaldesa, Lara Méndez, recalcou que a postura da oposición “deixa na rúa en dous plenos a case 30 persoas”, e puxo de manifesto a incoherencia da oposición, pois, mentres na sesión plenaria do día 24 aprobaron a subrogación dos traballadores da ORA e pedían informes sobre os distintos modelos posibles de xestión, tan só unha semana despois, “sen esperar sequera a eses informes”, presentaron unha moción conxunta que impide a subrogación dos empregados.