“Seguiremos traballando para buscar apoios, e logo iniciaremos o proceso regrado, entregándolles na Comisión de Contas aos grupos o Orzamento definitivo que levaremos ao Pleno para o seu debate”, subliñou Lara Méndez

Abordar as propostas orzamentarias dos cinco grupos políticos da oposición, despois de que o Goberno lles entregase hai unha semana o borrador do proxecto de presupostos 2016. Con este obxectivo, a Alcaldesa, Lara Méndez, convocou esta mañá unha Xunta de Voceiros. Sen embargo, a oposición, ante esta oportunidade de diálogo e consenso que unha vez máis abriu o Executivo, non presentou ningunha proposta, remitíndose na súa maioría para facelo á Comisión de Contas, esto é, no inicio do proceso regrado de tramitación dos Orzamentos. Así o explicou a rexedora á saída da xunta de portavoces, na que avanzou que dita comisión celebrarase ao longo deste mes.

“Tratábase de darlle continuidade á Xunta de Voceiros que tivemos hai unha semana, na que, por primeira vez neste Concello, se lle entregou á oposición un borrador dos orzamentos neste órgano, para que tiveran tempo de estudalos e poder transmitirnos propostas, tal e como lles comunicamos nesa xunta de voceiros, na que nós lles mostramos os nosos eixes prioritarios, que xiran en torno aos servizos sociais e á dinamización da economía a través da creación de emprego”, subliñou a Alcaldesa.

Ao corroborar que non todos os grupos pasaran polos distintos servizos para aclarar dúbidas, “decidimos que nos acompañara hoxe o interventor co fin de resolver calquera cuestión”, explicou Lara Méndez, quen indicou que finalmente “se tratou dunha reunión máis ben técnica, de cuestións e dúbidas que tiñan con respecto aos orzamentos, que de propostas políticas. De feito, non nos trasladaron ningunha, cando nós así llo habíamos pedido para coñecer cales son as súas prioridades, onde queren investir, cales son as súas liñas estratéxicas ou mesmo propostas concretas”. A maioría dos grupos remitiuse á Comisión de Contas, o inicio do proceso regrado de tramitación dos Orzamentos.

Deste xeito, asegurou a Alcaldesa, “seguiremos traballando para buscar apoios, e logo iniciaremos o proceso regrado, segundo o que na Comisión de Contas lles entregaremos aos grupos o Orzamento definitivo que levaremos a Pleno, onde decidiremos entre toda a Corporación se se aproba ou non”.

A Comisión de Contas convocarase ao longo deste mes, sinalou Méndez, en canto se completen algunhas cuestións técnicas, entre elas, engadiu, “a modificación do Capítulo 1, o de Persoal, derivado do incremento salarial do 1% en toda a plantilla, algo que hai que cuantificar e plasmar no presupostos”.