–      A candidata por Lugo e vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE, lembrou que Rueda non dubidaría en “usarnos como moedas de cambio” se necesitase gobernar coa ultradereita.

–      Méndez destaca o valor da empatía e da proximidade de José Ramón Besteiro cos problemas reais dos cidadáns xa que procede do municipalismo, fronte ao resto de candidatos “que se xestaron só entre os sillóns do Parlamento ou de San Caetano”.

Lara Méndez, candidata por Lugo e vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE, ironizou hoxe nun mitin en Palas de Rei sobre as tres caravanas electorais do PP: as de Rueda, Feijóo e Rajoy, “que representan as caravanas do inmobilismo e do pasado”, e contrapuxo, fronte a isto “as centenares de caravanas de mulleres galegas que nos mobilizaremos para conseguir un cambio de goberno en Galicia con José Ramón Besteiro como presidente para transformar con ambición e altura de miras a nosa comunidade nos vindeiros anos”.

Nesas tres caravanas do PP viaxan, dixo, “os populares grises que non cren nas mulleres e que non dubidarían, como xa fixeron no resto de España, en recortarnos os dereitos adquiridos na nosa loita pola igualdade se fose necesario para gobernar. Non esquecemos que fomos as mulleres as moedas de cambio nas comunidades e concellos onde o PP pactou con Vox”.  Por iso, a socialista apelou ao voto feminino, porque “se as mulleres votamos, Galicia cambia” e animou a unha mobilización ilusionante.

A candidata trasladou tamén esta mensaxe as mulleres do mercado de Frigsa, que visitou esta mañá, así como ás mulleres do rural.

Méndez, ademais, puxo en valor a “capacidade probada de xestión” de José Ramón Besteiro.

É o único candidato, destacou, que “procede do municipalismo, que sabe o que é gobernar desde a proximidade, a pé de rúa, man a man coa veciñanza e os distintos sectores e colectivos, que coñece ás persoas polos seus nomes e o que ten unha probada capacidade de xestión como concelleiro de Lugo e logo como presidente da Deputación, algo que coñezo moi ben porque fun a primeira muller vicepresidenta da Deputación da súa man”.

“Fronte a Besteiro, outros candidatos -argumentou- só se xestaron entre os sillóns do parlamento ou os sillóns de San Caetano, pero descoñecen a xestión directa atendendo aos veciños e veciñas que che paran polas rúas, e ese é un valor excepcional, o valor da empatía e o que che obriga a recoñecer e a xestionar as preocupacións reais dos cidadás, os seus problemas do día a día, valor que Besteiro trasladará tamén a Xunta de Galicia”.