Forza darlle prioridade ao seu cargo como vicepresidenta do Parlamento de Galicia, amosando así o seu nulo compromiso coa cidade e coa súa veciñanza.
Os socialistas lamentan que eluda as súas responsabilidades ao fronte da oposición, “porque pasou de ‘Lugo, o primeiro’ a primar o seu papel no Parlamento e no partido provincial por medo a perder poder”..
O voceiro da Executiva local do PSOE, Pablo Permuy, lamenta a actitude da popular Elena Candia por refusar de forma continuada acudir como concelleira da Corporación aos actos institucionais organizados ou nos que participa o Concello de Lugo, e forzando para que se lle dea visibilidade ao seu cargo de vicepresidenta do Parlamento de Galicia.
“É lamentable esta forma de actuar de Candia. Na nosa opinión non é un asunto menor, xa que esta actitude premeditada é unha falta de respecto á cidadanía de Lugo, especialmente á que lle votou nas eleccións municipais, e que deixa de manifesto cales son as súas pretensións políticas, evidenciando que lonxe do eslogan da súa campaña ‘Lugo o primeiro’, a cidade é para ela unha etapa máis na súa folla de ruta persoal para alcanzar outras cotas”, manifestou Permuy.
O voceiro socialista considera que o proceder da mindoniense constitúe en si mesmo unha ofensa para todos e todas as lucenses independentemente da súa cor política. “Está claro que para Candia Lugo non é unha prioridade, a súa labor aquí está nun terceiro termo, tras o seu papel autonómico e a súa ocupación como secretaria provincial. É obvio que está máis preocupada de percorrer os concellos da provincia para non perder poder no seu partido que en coñecer persoalmente os problemas reais da cidade, como así corrobora a súa axenda publica dos últimos meses”, afirmou o socialista.
Permuy explicou que nos últimos actos institucionais de maior proxección na cidade desde a toma de posesión de Candia na corporación lucense, como a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia e o Encontro de alto nivel da UE sobre envellecemento que se celebrou esta mesma semana, a popular negouse a acudir en calidade de concelleira de Lugo, tal e como estaba convidada, senón que forzou acudir como vicepresidenta do Parlamento.
“A súa acumulación de cargos ilustra a perfección o seu nulo compromiso coa veciñanza. Desde o inicio do mandato delegou o seu papel nos seus compañeiros de Corporación e nin sequera dignouse a coñecer o edifico Impulso Verde na vista organizada para o grupo municipal do PP. A súa falta de compromiso esperta malestar ata no seu propio partido. Na nosa opinión, o seu funcionamento incapacítaa para liderar a oposición na nosa cidade. Lugo necesita exclusividade, e non visitar o municipio como última opción, tras o Parlamento de Galicia e o seu traballo como secretaria provincial do PP”, concluíu Permuy.