Así se desprende da resposta emitida pola consellería de Sanidade ás preguntas realizadas polo PSOE; feito que provocou que os deputados do grupo socialista volvesen a rexistrar no Parlamento unha nova iniciativa, co fin de que o Goberno galego aclare estas cuestións, xa que está obrigado a facelo por lei
Concepción Burgo considera que da resposta emitida se deduce unha clara falla de previsión, de xeito que os síntomas deste mal non se fan esperar. Son os seguintes: aumento das listas de espera, altas de forma precipitada e un maior amontonamento de doentes en Urxencias
Para a deputada socialista este grave desleixo por parte da consellería demostra que os xestores sanitarios volveron a primar os intereses de aforro económico aos xerais de ofrecer, tamén no verán, a mellor atención posible aos lucenses
Os deputados do grupo parlamentario do PSOE lamentan que a Xunta de Galicia sexa incapaz de dar unha resposta concreta e precisa ás preguntas formuladas sobre o peche de camas no HULA durante o verán e sobre as cifras de substitución do persoal médico e de enfermería derivados das vacacións deste persoal.
E é que, tal e como se pode comprobar no texto remitido pola consellería de Sanidade, o Goberno galego non ofrece nin un só dato e nin unha soa cifra sobre as seis preguntas realizadas polos socialistas, e que estaban dirixidas a coñecer o número de plantas que se pecharán durante o verán no Hospital Lucus Augusti; cantas camas serán inutilizadas; en que período temporal se realizará este peche; cal é o número de facultativos que se contratarán para realizar as substitucións; a canto ascende a redución dos cadro de persoal; e como considera o SERGAS que vai repercutir esta medida na calidade asistencial.
Ningunha destas preguntas foron respostadas de xeito concreto. O único que nos ofrecen, destaca Concepción Burgo, son evasivas e escusas de moi mal pagador que, por suposto, non nos convencen. É por este motivo, subraia, polo que volvemos a rexistrar unha nova iniciativa para que o Goberno galego aclare estas cuestións, pois non podemos esquecer que foi a propia consellería de Sanidade a que afirmou taxativamente que, previamente a esta decisión, o SERGAS realizou unha coidada planificación de reordenación de recursos.
Cremos que é necesario lembrar que a consellería está obrigada por lei a contestar claramente as preguntas realizadas. Da resposta emitida dedúcese unha clara falla de previsión, e os síntomas deste mal non se fan esperar, pois o peche de camas xa está provocando, entre outras graves consecuencias, o aumento das listas de espera, tanto médicas como cirúrxicas, as altas de forma precipitada e o amontonamento de doentes en Urxencias, subliña.
A situación empeora, explica Burgo, se se ten en conta que o HULA conta nestas datas cun menor número de facultativos, ao non producirse practicamente substitucións dos profesionais que se van de vacacións. Para a deputada esta ausencia de planificación demostra que os xestores sanitarios volveron a primar os intereses de aforro económico aos xerais de ofrecer, tamén no verán, a mellor atención posible aos lucenses.