A Xunta de Galicia vai cobrar 10 euros por renovar a tarxeta sanitaria, o mesmo que lles custará ós lucenses a actualización dos impostos e taxas municipais aprobados polo pleno do Concello no mes de novembro.
Como explicou a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, durante o debate plenario, a actualización dos impostos e taxas municipais suporálle a unha familia media de Lugo pagar 10 euros máis ó ano, é dicir 83 céntimos ó mes, por todos os servizos que lle presta o Concello, e esa é a mesma cantidade que quere cobrar a Xunta pola renovación da tarxeta sanitaria, algo que cualificou de lamentable unha exministra do PP, Ana Pastor, e niso coincido con ela, sinalou Méndez.
Sonia Méndez dixo que a suba de 70 euros ó ano da que fala o PP non é o dunha familia media de Lugo, xa que para que iso fora posible tería que gastar 100.000 metros cúbicos de auga ó trimestre; ter dous mercedes, dous audis ou dous bmw e pagar 1.000 euros de IBI, e dicir ter un chalet ou un duplex no centro ou 10 inmobles. Minten cando falan de que é a suba vai ser duns 70 euros para unha familia media, esa debe de ser a familia da nena de Rajoy, pero non é a familia media de Lugo, dixo a Concelleira de Economía, que acusou ó Partido Popular de facer demagoxia con este asunto mentres a Xunta de Galicia recorta no gasto social.
A nosa prioridade é manter o gasto social, que está ferido de morte polo PP. Non imos recurtar neda en dependencia, centros de día ou garderías. Os servizos sociais que Feijóo non presta ós lucenses prestaremolos nós, o Concello de Lugo, pero tamén lle diremos ó Presidente da Xunta que ós lucenses decepcionounos: prometeu que financiaría as escolas infantís de Lugo e non moveu un dedo por elas, destacou a Concelleira de Economía. Sonia Méndez explicou que a maior parte dos impostos e taxas municipais actualizanse dacordo co IPC do último ano, nun 3%; a auga medra dous puntos máis, e o resto dos impostos seguen conxelados un ano máis ou mesmo diminuen, como é o caso das tarifas do CEI, o bono das piscinas ou a entrada ó Centro de Interpretación da Muralla.