Os socialistas denuncian a falta de interese para crear políticas de emprego activo.
O PSdeG – PSOE de Lugo lamenta que a Xunta de Galicia faga desaparecer o Pacto polo emprego que en Lugo xeraba cinco postos de traballo. Este equipo técnico pasan a ser desempregados a partir de hoxe sen que tiveran comunicación ningunha por parte da Xunta de Galicia. Durante estes meses foron varias as veces que se puxeron en contacto dende o Concello coa Xunta para coñecer cal era a súa situación pero en ningún momento recibiron contestación.
O traballo destes técnicos era coordinar as políticas de emprego a través de diferentes estudos e análises, avaliando as políticas activas que se executen no seu ámbito e as actuacións de políticas activas en xeral.
O goberno de Feijoo deixa extinguir estes plans nunha época de crise económica, nun momento no que as políticas de emprego activas son moi importantes para paliar os efectos do parón económico. A Consellería de Traballo era a responsable de coordinar e marcar a liña de traballo de todos os pactos para que fosen máis eficaces, tal e como estaba establecido nun principio.
O Partido Popular que tanto lle gusta falar de austeridade e de buscar solucións para a falta de traballo,deixa morrer sen máis explicacións unha das apostas máis importantes á hora de deseñar as campañas de emprego e buscar alternativas aos desempregados.
Debemos lembrar que o Pacto polo emprego é unha iniciativa que ten a misión de coordinar as actuacións de administracións, empresarios e sindicatos co obxectivo de deseñar estratexias que melloren a empregabilidade. Esta iniciativa púxose en marcha no ano 2007. Os pactos territoriais polo emprego foron creados por un acordo do entón Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e a Confederación de Empresarios de Galicia, UXT e CCOO de Galicia no marco do Diálogo Social. Os pactos polo emprego foron son unha iniciativa que impulsa a Unión Europea, ó considerar o local como o nivel máis axustado para o deseño destes programas de emprego.