Desta volta a Xunta nega apoiar investimentos no Polígono do Ceao
Manuel Chaín censura a discriminación orquestada polos gobernos do PP contra a nosa cidade
O Concelleiro de Infraestruturas e Zona Rural, Manuel Chaín, fixo pública hoxe a negativa da Xunta a conceder achegas para melloras no polígono do Ceao que foran solicitadas polo Concello de Lugo na convocatoria que fixo o Goberno galego para a concesión de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraesturas dos parques empresariais.
Onde está o compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Lugo e coas zonas industriais, que necesitan destes servizos?, preguntouse o Concelleiro de Infraestruturas.
Chaín tamén destacou que en Lugo estamos sen servizos do Hula que outros teñen, ahí están os continuos retrasos do Plan Paradai, todo se nos denega sistemáticamente, así que igual é hora de que pensemos que Lugo non existe para a Xunta de Galicia.
Desta volta, a Xunta vén de denegar, coa explicación de que se lles acabou o presuposto, dous proxectos que presentara o Concello de Lugo para acometer melloras no polígono do Ceao.
O Concelleiro de Infraestruras lembrou que o Ministerio fixo o mesmo a semana pasada e empregou idéntico argumento cando comunicou a súa negativa a dar achegas para a segunda fase da pavimentación da rúa da Industria.
Manuel Chaín afirmou que detrás destas axudas que se negan a Lugo hai unha discriminación perfectamente orquestada dos Gobernos do PP e sinalou que proba delo son as recentes declaracións do Concelleiro do Partido Popular Manuel López
quen non só xustificou a negativa da Xunta a concederlle obradoiros de emprego a Lugo senón que, dacordo coas novas publicadas polos medios de comunicación, mesmo dixo que, se dependera del, ó Concello de Lugo tampouco lle daría nada.
O Concelleiro de Infraestruturas criticou semellantes declaracións feitas por unha persoa que cobra do Concello e xurou ou prometeu defender ós lucenses.
O Concello presentara dous proxectos á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para mellora de infraestruturas dos parques empresariais, un para as vías de acceso do Ceao e outro para abastecemento de auga rexenerada para usos industriais no Ceao.