A deputada socialista Concepción Burgo acusou hoxe ao goberno galego de “xogar coa vida dos lugueses e luguesas” ao resistirse a implantar o servizo de Hemodinámica 24 horas no Hospital Lucus Augusti. Así o dixo nunha pregunta oral no Pleno de hoxe na que censurou a “irresponsabilidade” do conselleiro ao desbotar os criterios médicos para implantar o servizo.
Burgo explicou que, de acordo co proxecto Incardio, recentemente publicado na revista da Sociedade Española de Cardioloxía, tódolos hospitais cunha poboación mínima de 300.000 habitantes e que realicen máis de 100 anxioplastias primarias ao ano debe contar con Hemodinámica 24 horas. A pesares de que os criterios cúmprense sobradamente en Lugo o goberno galego continúa resistíndose a implantar este servizo.
A deputada socialista explicou que a área de influencia do Hospital conta con máis de 300.000 habitantes e sobrepasaría o mínimo de intervencións, xa que o ano pasado foron sometidos a unha anxioplastia 164 lugueses, 64 no hospital provincial e outros 100 que tiveron que desprazarse a A Coruña por ter sufrido o infarto “fora das horas de oficina”.
Sinalou que os novos criterios publicados no proxecto Incardio veñen a quitar outra das “desculpas” dos voceiros de sanidade do PP e das anteriores conselleiras de Sanidade, que apelaban á falla de criterios profesionais dos cardiólogos para implantar o servizo. Agora, puntualizou, hai criterios e ademais Lugo os cumpre, polo que resulta “inescusable” que Feijóo se siga resistindo a poñer en marcha hemodinámica 24 horas.
Máis mortalidade
As limitacións deste servizo no hospital provincial, aberto de 08,00 h. a 15,00 h., permanecendo un total de 35 horas á semana aberto e 133 pechado, fai que a provincia teña un 45 por cento máis de mortalidade aos 30 días do infarto, e seis veces a media de Galicia a un ano do infarto. Acusou ao goberno galego de estar “gastando vidas que poderían salvarse se tiveran a vontade política de poñer Hemodinámica 24 horas.
Concepción Burgo aludiu á intervención do presidente da Xunta na sesión de control de hoxe para sinalar que “igual que non hai transplantes de fígado en Vigo –en contra do que dixo Feijóo- tampouco hai radioterapia en Lugo, só hai unha habitación baleira”.
Esta é unha das promesas incumpridas polo PP para a cidade que máis preocupa, xunto co servizo de radioterapia e de medicina nuclear, comprometidos en 2011 e aínda non postos en marcha.