A violencia machista segue a ser un problema grave a día de hoxe que sofren as mulleres polo simple feito de ser mulleres. A crenza dos agresores na inferioridade da muller ven propiciando múltiples xeitos de violencia por razón de xénero, que vemos crecer cada ano no número de vítimas (aumento do 3,2% en 2021) deixando xa un número escandaloso de 26 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas no que vai de ano.
Segundo a macroenquisa da violencia contra a muller do ano 2019, en España o 12% das mulleres sufriu algún tipo de violencia sexual, e no primeiro trimestre do 2022 rexistráronse 544 agresións sexuais con penetración. Pero a violencia machista ten moitas caras e distintas manifestacións, que abranguen tanto as agresións físicas como as psíquicas, onde o maltrato psicolóxico é un denominador común.
A humillación da muller, presente en calqueira tipo de maltrato, ten unha mesma orixe: o desexo de dominación do home a través do medo. Porque o temor garante a submisión que o agresor machista persegue e fai que as mulleres que a sofren teñan medo a saír, medo a facer ou medo simplemente a ser.
Durante os últimos anos, estamos a vivir en concreto un preocupante aumento das agresións sexuais na poboación máis nova. Entre os métodos utilizados polos agresores, púxose de moda a submisión química; de feito, desde o 2017 un 33% das persoas que sufriron algún tipo de agresión sexual deron positivo en drogas, alcol ou fármacos ansiolíticos, tal como apunta un informe do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.
O Centro Hospitalario Universitario de Ourense, diante do incremento de mulleres vítimas de submisión química, puxo en marcha en novembro de 2021 o primeiro protocolo en Galicia destinado a identificar posibles casos. Dende a súa posta en marcha, este protocolo activouse dez veces nese centro hospitalario; case sempre en mulleres menores de 30 anos. A pesar de que o número de casos non é polo de agora alarmante, as persoas expertas si advirten de que se trata dun problema que vai en aumento e está relacionado moitas veces con agresións sexuais que poden ser de difícil detección, xa que unha característica común desta forma de submisión é a amnesia anterógrada: a vítima non lembra nada a partir dun momento determinado.
As persoas expertas inciden na importancia de que as mulleres que crean que foron vítimas de submisión química o denuncien para poder activar o protocolo que determine se efectivamente foi así e poder perseguir o delito. O Sergas anunciou que o protocolo que existe en Ourense se vai estender a todas as áreas sanitarias de Galicia previa consulta ao Observatorio Galego sobre a Violencia de Xénero. Dende o PSdeG-PSOE consideramos que, unha vez que sexa aprobado, é conveniente a realización dunha campaña de información nos centros hospitalarios e de Atención Primaria sobre esta cuestión.
Nos últimos tempos apareceu un novo xeito de agresión ás mulleres máis novas, “a picada”. Ata o momento estanse investigando varios casos de picadas en Galicia, e, aínda que a día de hoxe non está claro con que se realiza, é indiscutible que é un novo xeito de agredir ás mulleres que fai que se impoña o medo entre as mozas que queren desfrutar do seu tempo de lecer nocturno, xa que os agresores aproveitan festas e espazos de aglomeración de xente para realizar esta agresión e pasar desapercibidos.
Este novo fenómeno que apareceu no lecer nocturno está a obrigar as mulleres a tomar precaucións á hora de saír a festas, festivais e discotecas, e aumenta entre elas o medo e a preocupación, xa que cada vez se ven máis expostas e inseguras. As mulleres non poden continuar sendo vítimas do capricho destes agresores machistas e tendo que vivir con medo en lugar de gozar do seu tempo de lecer.
Ademais, con este método non so podería estar en perigo a liberdade sexual da vítima, senón que tamén está exposta a contaxios de enfermidades graves (como VIH, hepatite, etc.) pola utilización dun obxecto punzante.
As administracións públicas teñen que velar pola integridade de toda a cidadanía e defender o dereito de liberdade de movemento e liberdade sexual de todas e todos.
Para conseguilo é imprescindible traballar conxuntamente coa poboación civil para erradicar esta práctica e todas as agresións sexuais.
O Concello de Lugo leva anos impulsando a instalación dos Puntos Violetas nas festas e celebracións para atender ás mulleres e ofrecer a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra elas. Estes espazos seguros para as mulleres deben seguir promovéndose dende as administracións públicas, xa que supoñen unha importante ferramenta para concienciar e previr as agresións machistas que poidan sufrir as mulleres durante o desfrute do seu tempo de lecer nocturno.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Socialista do Concello de Lugo presenta para a súa aprobación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:
1. O Concello de Lugo condena calquera tipo de agresión sexual e a utilización da submisión química con este fin.
2. O Concello de Lugo insta ao goberno galego a estender canto antes o protocolo do CHOU para detectar casos de submisión química a todas as áreas sanitarias de Galicia e desenvolver unha campaña de información nos centros hospitalarios e de atención primaria.
3. O Concello de Lugo comprométese a seguir establecendo Puntos Violeta nas festas da localidade, onde existirán protocolos específicos para atender este tipo de situacións, e a informar e dar pautas de actuación á Policía Local para atender ás vítimas destas novas modalidades de agresións machistas.
4. O Concello de Lugo comprométese a pedir protocolos de acceso ás empresas organizadoras de acontecementos festivos, así como aos locais nocturnos, de xeito que se inspeccione a entrada de xiringas dentro do recinto/local.
5. O Concello de Lugo comprométese a realizar campañas de concienciación que poñan o foco nos agresores e guías de actuación para saber como proceder no caso de que se presente unha destas situacións.