Advirten de que este recorte supón deixar na estacada aos que mais o necesitan e solicitan unha entrevista con Feijóo para abordar este tema
Denuncian o engano do Goberno galego aos cidadáns e tamén aos concellos, que adiantaron o diñeiro para prestar os servizos sociais dado que a Xunta afirmou que non habería recortes nesta materia
Denuncian que estes recortes afectarán tamén aos traballadores de atención a domicilio, na súa maior parte mulleres maiores de 35 anos, con máis dificultades de inserción laboral
Preto de 30 alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de servizos sociais socialistas rexistraron hoxe no Rexistro da Xunta un recurso contra a resolución do Goberno galego de reducir os fondos destinados ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais nos municipios a través do Plan Concertado.
Os representantes municipais estiveron acompañados do secretario de Organización, Pablo García, e a portavoz parlamentaria de Benestar e Servizos Sociais, Beatriz Sestayo, que afirmaron que o PSdeG fará casus belli deste asunto e que esta acción terá continuidade, xa que os socialistas esgotarán todas as vías para impedir esta inxustiza, sen descartar a vía xudicial.
Non podemos deixar na estacada aos que máis o necesitan, nin tampouco poden meter aos alcaldes neste lío, explicou García. Lembrou así que os concellos xa adiantaron o diñeiro destinado aos servizos sociais en función do orzamento do ano anterior, ao non ter ningunha comunicación previa deste recorte, dun 80% de media, no Plan Concertado.
En representación dos rexedores da provincia da Coruña, a alcaldesa de Muros, Caridad González, acusou ao Goberno galego de mentir aos concellos e aos cidadáns porque publicaron no boletín que se prorrogaría o presuposto para os concellos, e posteriormente enviaron unha comunicación particular a cada alcalde que para nada responde ao compromiso adquirido.
Insistiu en que non aceptaremos estes recortes, porque hai necesidades que é imprescindible cubrir e afirmou que dende o Concello de Muros faremos todo o posible por non deixar de prestar este servizo. A Xunta non pode deixar así aos máis desfavorecidos porque é un ataque á súa dignidade, sinalou.
O alcalde de Ribadavia (Ourense), Marcos Blanco, criticou esta decisión unilateral da Xunta e explicou que non podemos aceptala porque implica dilapidar dereitos adquiridos dende hai máis de dez anos, e porque ten que haber unha negociación previa cos concellos e a Fegamp.
A crise non a teñen que pagar os mais necesitados senón que hai que buscar medidas para apoiar mais a esta xente e defender os servizos sociais, apuntou Blanco, á vez que explicou que en Ribadavia máis de 85 familias poden quedar sen servizo de atención a domicilio e máis de 22 auxiliares e coidadoras quedarían sen emprego, a maioría mulleres de entre 35 e 55 anos, con dificultades para integrarse no mundo laboral.
O alcalde de Vilaboa, José Luís Poceiro afondou nesta idea e expresou o cabreo dos alcaldes e alcaldesas, e non só os socialistas, porque os concellos adiantamos uns cartos ás empresas que prestan o servizo a domicilio, dado que ninguén nos comunicou que se producirían estes recortes.
Considerou que o Goberno de Feijóo nos enganou e lamentou ademais unha situación que cualificou de moi triste. Ë tristísimo deixar sen o servizo de limpeza, aseo e comida a anciáns de 80 anos, dixo.
Petición de entrevista
Pola súa parte, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo, criticou que o Goberno de Feijóo aplique este recorte a un dos piares básicos do Estado de Benestar, que afecta especialmente ao rural.
Queremos que o presidente da Xunta nos escoite e reconsidere a súa postura explicou, porque hai moito onde recortar sen ser en sanidade, educación e servizos sociais. Por elo, solicitaron por escrito unha entrevista co presidente a Xunta para abordar esta cuestión.
Na mesma liña, a portavoz de Benestar e Servizos Sociais do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Beatriz Sestayo, denunciou a vulneración dun dereito constitucional e un atentado aos dereitos sociais básicos que nos igualan a todos.
Advertiu de que non imos consentir que se deixe á xente na estacada por unha presunta austeridade que só se está a practicar no eido social, e denunciou que a Xunta está a ver novos xacementos de negocio para determinados grupos nos servizos sociais.
Esta loita non vai a parar ata que o Goberno galego rectifique, sentenciou.