Lara Méndez mantivo unha reunión con Luis Álvarez e Concepción Burgo para poñer en común os retos da Xunta con Lugo, que pasan por tres grandes obxectivos, conexión co exterior, infraestruturas e dotación de servizos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este mércores unha xuntanza cos Deputados Autonómicos por Lugo, Luis Álvarez e Concepción Burgo, respectivamente, para establecer unha calendarización de peticións prioritarias para Lugo e para os e as lucenses no Parlamento. Nesta liña, hoxe mesmo, a rexedora enviou unha carta ao Presidente da Xunta,  Alberto Núñez Feijóo, para solicitar unha xuntanza e concretar unha reunión, co obxectivo de enfocar as actuacións da Xunta en Lugo para os vindeiros catro anos.

Así o puxeron de manifesto Méndez, Álvarez e Burgo nunha comparencia pública ao finalizar a súa reunión de traballo, na que trazaron unha folla de ruta para solicitar solucións ás demandas de Lugo, “que son dabondo coñecidas”. Nesa liña, os retos da Xunta con Lugo pasan por tres grandes obxectivos, a conexión de Lugo co exterior, que pasa pola creación da Estación Intermodal ou a Ronda Leste, infraestruturas imprescindibles para os lucenses, como residencias públicas para maiores ou garderías públicas, saneamento no rural, a conversión do Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización ou o equipamento do Auditorio; así como a dotación de servizos, Hemodinámica 24 horas no HULA, a finalización da Radioterapia e Medicina Nuclear ou servizos para o barrio da Residencia, entre outros.

Lara Méndez tamén quixo agradecer a visita dos Deputados, a súa mostra de interese polas preocupacións de Lugo, coñecedoras das mesmas porque ambos os dous foron Concelleiros, así como a súa disposición para poñer en común ditas necesidades.

A Alcaldesa tamén anunciou que o Concello seguirá na liña de colaboración e diálogo tanto coa Xunta coma con outras administracións, pero ao mesmo tempo advertiu que non vai permitir que Lugo teña menos que outras cidades.

Nesta liña tamén incidiu Álvarez, quen se fixo eco das palabras de Feijóo, que subliñou que non ía permitir privilexios pero tampouco agravios para Galicia con respecto a outras autonomías; lembrando que Lugo nunca pediu privilexios, soamente un trato xusto.