Lara Méndez pide oficialmente ao Conselleiro de Política Social que fixe unha data para achegarse a Lugo e coñecer de primeira man e in situ as localizacións dispoñibles

“Recibiremos calquera investimento que veña para Lugo cos brazos abertos porque redundará beneficiosamente na cidadanía, pero hai uns cauces, hai que ter un respecto institucional”

“Quen é o señor Castiñeira, a parte do eterno opositor?; está tan débil que ten que botar man dos amigos da Xunta para que lle digan que bo é?; que credibilidade ten cando dixo non á residencia no Parlamento galego?

Os lucenses “estamos cansados deste desprezo e dicímoslle á Xunta basta xa”, afirmou a rexedora, quen admitiu a súa “tremenda decepción” con Rey Varela, “a quen tiñamos como referente da nova política e lle entrou ao xogo a Castiñeira”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada de veciños e veciñas da cidade, presentou este mércores no Rexistro da Xunta de Galicia un escrito no que insta ao Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a fixar unha data para achegarse a Lugo e coñecer de primeira man e in situ as 7 parcelas dotacionais que a rexedora lle pon a disposición para construír unha residencia de maiores na cidade. “Ante un desprezo, nós unha proposta”, subliñou Lara Méndez. E con esta contundente proposta respondeu a Alcaldesa ao “novo desprezo que a Xunta lle fai aos lucenses, non ao Goberno de Lugo, nin ao Concello, nin á súa Alcaldesa, senón a todos os lucenses, ao anunciarlle a un membro da oposición de un dos cinco partidos, a Jaime Castiñeira,” a construción dunha residencia na cidade, algo co que “incluso pode incorrer nun delito porque hai convocadas unhas eleccións e non se poden facer este tipo de anuncios”.

A Alcaldesa incidiu en que o Concello recibirá “calquera investimento que veña para Lugo cos brazos abertos, estaremos encantados, porque redundará beneficiosamente na cidadanía e nos servizos que queremos prestar aos cidadáns, pero hai uns cauces, hai que ter un respecto institucional”. A mesma situación que ocorre agora coa residencia da terceira idade deuse co equipamento do auditorio a semana pasada, indicou Lara Méndez, “con outra falta de respecto institucional, cando, despois de ter unha reunión en Santiago coa Conselleira de Infraestruturas e estar pendentes de outra, a Xunta anuncia, sen comunicarnos nada previamente, unha partida a todas luces insuficiente para a dotación do auditorio”.

A Alcaldesa pregúntase “quen é o señor Castiñeira, a parte do eterno aspirante ao Goberno, o eterno opositor, onde, aí si, ten un amplo recorrido”. “Tan débil está Castiñeira que ten que botar man dos seus amigos da Xunta porque nin sequera conta co apoio de todo o seu grupo municipal para que lle digan que bo é e todo o que vale. Ese é a mensaxe que nos queren trasladar aos lucenses?”, inquiriu tamén a rexedora, quen cuestionou así mesmo a credibilidade do edil do PP, “cando di non ás demandas dos lucenses e despois vai a sacar unha foto a Santiago anunciando a residencia”, infraestrutura á que, por certo, “dixo non” no Parlamento galego.

Decepción co Conselleiro
Os lucenses “estamos cansados deste desprezo e dicímoslle á Xunta que basta xa, que non llo vamos a permitir, basta xa de desprezarnos unha e outra vez”, afirmou Lara Méndez, quen admitiu que se levou “unha tremenda decepción” co comportamento de Rey Varela, “unha persoa que tiñamos como referente da nova política dentro do Partido Popular, unha persoa nova, que parecía dialogante, que se sentaba a falar e escoitaba as necesidades dos lucenses, que foi alcalde dunha gran cidade, polo que sabe que é representar aos seus veciños, e que foi presidente da FEGAMP, polo que sabe que é o municipalismo e a importancia que teñen as administracións, vai e éntralle ao xogo a Castiñeira, sentándose con el para anunciarlle ao eterno opositor do Concello de Lugo que van a construír unha residencia en Lugo”.

Neste senso, a Alcaldesa lembrou que ela mesma xa lle trasladou persoalmente ao Conselleiro de Política Social en tres ocasións a necesidade de dotar a Lugo desta infraestutura, pois “non se crea nin unha soa praza pública de residencia dende hai 40 anos, temos unha poboación moi envellecida, con máis de 21.000 persoas maiores de 65 anos, e cunha ratio de prazas residenciais por habitante maior de 65 anos do 1,6%, fronte ao 2,5% de Santiago por exemplo”. É mais, a Alcaldesa, por respecto institucional, chamou por teléfono ao Conselleiro para informalo de que o grupo municipal do PSdeG ía a rexistrar unha proposición para debater no Pleno deste xoves pedindo a residencia, tras a proposta que “con moita lóxica e bo criterio” lle trasladou a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo nunha recente reunión, algo que Rey Varela “me agradeceu”.

“Esperemos que non quede en propaganda”
“Nós actuamos doutra forma”, subliñou a Alcaldesa, e “ante un desprezo, nós unha proposta”. De aí, a solicitude oficial que rexistrou esta mañá na Xunta para que o Conselleiro viaxe canto antes a Lugo para coñecer as parcelas dotacionais que o Concello ten dispoñibles para que a Xunta constrúa a residencia porque “esperemos que isto non se quede nun compromiso, nun anuncio propagandístico con motivo dunhas eleccións”. Con esa solicitude, a rexedora adxuntou fotografías e planos de tres das posibles ubicacións –unha nas Termas e dúas en San Fiz-, “as que nos deu tempo a preparar, pois, se o Conselleiro seguira os cauces oficiais, poderíamos enviarlle os de todas as parcelas”.