A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, advirte de que a nova lei deixa sen competencias aos concellos e acusa ao Partido Popular de crearlle continuos problemas á cidadanía no lugar de darlle solucións
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, denunciou hoxe o grave paso atrás nas políticas de Igualdade que supón a nova Lei da Administración Local aprobada polo Partido Popular, xa que impide aos concellos manter uns servizos dos que se benefician, por exemplo, as mulleres que son vítimas da violencia de xénero e os seus fillos.
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade manifestou a súa preocupación e o seu total desacordo coa chamada Lei para a Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, da que salientou que supón un paso atrás sen precedentes, representa o desmantelamento dunha rede de centros e servizos que dan cobertura, por exemplo, ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero.
González Abelleira lembrou que o ano pasado, o Concello de Lugo tivo acollidas nos pisos municipais dez mulleres e tres menores vítimas de violencia de xénero e no ano 2012 a Casa da Muller atendeu case 1.200 mulleres e tramitou case 4.000 consultas.
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade salientou que a nova lei deixa o papel que temos os concellos en determinadas competencias no aire e supón o exterminio das políticas de promoción da Igualdade de oportunidades en España.
Ana González enmarcou a nova lei no ataque que está a sufrir o Estado de Benestar desde que goberna o PP cos continuos recortes en materia de servizos sociais, sanidade, educación e emprego que está a levar a cabo o Goberno de Rajoy.
Por este motivo, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade considerou que o PP está creándolle problemas aos cidadáns no lugar de darlles solucións e está facendo dobremente vítimas ás persoas que xa están a sufrir unha situación moi grave como é a violencia de xénero ao deixar aos concellos sen capacidade para actuar.
En todo caso, Ana González Abelleira anunciou que o Goberno Local de Lugo e o Grupo Municipal Socialista seguiremos dando a batalla para protexer estas persoas e que as mulleres máis vulnerables non queden desatendidas.