A edil presentou onte a súa renuncia á presidencia do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo

A concelleira Ana Prieto, que concorreu ás eleccións municipais como independente, anunciou este mércores que pedirá o seu ingreso no Partido Socialista e que se dedicará a tempo completo ao Concello, no que dirixirá a área de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e será a primeira tenente de alcalde. Deste xeito, presentou a súa renuncia á presidencia do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo na Xunta de Goberno do órgano celebrada na tarde de onte.

Prieto asegura que tomou esta decisión “nun exercicio de responsabilidade e de compromiso, tanto cos lucenses, aos que debo e quero dedicarme ao cento por cento, como coa profesión, que merece unha persoa a tempo completo á fronte do Colexio de Farmacéuticos”.