Piden orzamentar a iluminación de Recatelo, traballos que arrancarán a vindeira semana; a expropiación dos terreos para o colexio do Sagrado Corazón, xa completada; ou unha partida para o estudo hidrolóxico do PXOM, xa adxudicado
Repiten propostas no mesmo documento, como a renovación da rede de tubaxes de fibrocemento, que en calquera caso contempla xa o borrador do proxecto de presupostos que o Goberno entregou á oposición
O PP fixo “un copia e pega de anos anteriores. Só lles falta pedir que se peonalice a rúa da Raíña ou se soliciten fondos URBAN”, subliñou Prieto, quen considera que os populares “confunden diálogo con imposición”
Ante o documento coas propostas que o grupo municipal do PP lle presentou ao Goberno para os Orzamentos do 2016, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, asegurou que os populares, “ou ben non saben ler os presupostos, non saben facer propostas ou é que non se enteran de nada”. A Concelleira fixo estas declaracións tras as críticas do PP ao respecto da reunión que mantiveron esta mañá sobre o Orzamento, acusando ao Goberno de “parasitismo político”. O encontro “discorreu con cordialidade”, indicou Prieto, quen acudiu ao mesmo “co ánimo de chegar a puntos de encontro, que os pode haber”.
“Non saben o que significa a palabra diálogo, confúndeno coa imposición”, asegurou a Concelleira; “O que quere o PP é que lle pidamos permiso para exercer a nosa labor de Goberno”. Ana Prieto lamentou “que utilizasen a reunión de hoxe como arma para tratar de desgastar ao Goberno”, ademais de detectar “unha alarmante incoherencia” nesta formación política, que “xa non sabe o que quere, nin por onde saír, pois, se non dialogamos, porque non o facemos, e se o facemos, din que queremos vivir das propostas doutros grupos”.
O documento de propostas do PP ao Orzamento “é un burdo copia é pega de anos anteriores, sen máis. Só lles falta pedir a peonalización da rúa da Raíña, que se soliciten fondos do URBAN ou que se suprima o matadoiro de Frigsa”.
Algúns exemplos dos “despropósitos” e da “falta de traballo” que deben poñer “a cara colorada” ao PP recollidos no seu documento son os seguintes:
– Incluír unha partida orzamentaria para a instalación de alumeado público en Recatelo. O PP non se enterou de que este proxecto xa está contratado por 91.600 euros e as obras comezarán a vindeira semana.
– Incluír unha partida orzamentaria para expropiar os terreos necesarios para a construción dun novo colexio público no barrio do Sagrado Corazón. O PP non se enterou de que o Concello xa completou no mes de xaneiro a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para o novo colexio do Sagrado Corazón.
– Incluír unha partida para a revisión do PXOM e contratación dos estudos hidrolóxicos (50.000 euros para a aprobación do 5% pendente). O PP non se enterou de que este estudo xa se contratou en xaneiro á empresa redactora do PXOM por un importe de 50.000 euros, e estará rematado no primeiro trimestre.
– Reservar unha partida para o desenvolvemento do plan parcial da Louzaneta. O PP non se enterou de que nos Orzamentos de Evislusa, xa aprobados, se contempla unha partida de 108.000 euros para elaborar o plan parcial do polígono da Louzaneta, que o regularice e permita o seu desenvolvemento.
– Orzamentar a instalación e cobertura dun novo parque infantil na Praza Agro do Rolo. O PP non se enterou de que a competencia nesta praza é do Ministerio de Fomento, e de feito hai unha consignación orzamentaria realizada na etapa de José Blanco como ministro.
– Implantar a praia fluvial do Miño. O PP non se enterou de que no borrador do proxecto de Orzamentos se contempla unha partida de 250.000 euros para acondicionar unha zona pública de baño no Miño.
– Ampliación de prazas no entorno do HULA e repintado das mesmas. O PP non se enterou de que xa comezaron os traballos para acondicionar como aparcamento unha parcela municipal situada enfronte do HULA que terá capacidade para 330 prazas e de que o Goberno reordenará o tráfico nos viais próximos ao hospital para habilitar 800 prazas, 500 delas de nova creación.
– Ampliar en 200.000 euros para a implantación de xeito efectivo de todos os trámites pendentes da Administración Electrónica. O PP non se enterou de que o Goberno é moito máis ambicioso e solicitou 2 millóns de euros para este fin no marco do DUSI.
– Peonalización da Calzada da Ponte. O PP non se enterou de que esta é unha das actuacións fundamentais incluídas no DUSI.
– Establecer unha partida orzamentaria para o desdobramento e instalación de alumeado público e carril bici, así como beirarrúas na avenida Duquesa de Lugo. O PP non se enterou de que no borrador do proxecto de Orzamentos se inclúen 800.000 euros para a humanización de Duquesa de Lugo.
– Repite propostas, a 21 e a 30 son a mesma: Un plan de renovación/substitución da rede de tubaxes en fibrocemento. O borrador do proxecto de Orzamentos que o Goberno lle entregou á oposición xa contempla estas actuacións no apartado de Subministros.
– Elaboración dun plan de mellora, conservación e reparación da rede viaria. O PP non se enterou de que no borrador do proxecto de Orzamentos se contempla un aumento de 700.000 euros no arranxo de vías públicas, ata os 1,2 millóns de euros.
– Establecemento dunha partida orzamentaria dirixida á creación dun aparcamento no Parque do Paxariños. O PP aínda non se enterou de que esta iniciativa que xa defenderon crea un forte rexeitamento na veciñanza.
Estas son “soamente algunhas perlas do documento que foron capaces de facer os 9 concelleiros do Partido Popular, que quere disfrazar a súa preguiza con críticas para intentar facer ver que traballa”.