“O incumprimento da Regra de Gasto, unha norma irracional imposta como táboa rasa por Montoro, prodúcese porque aumentamos os investimentos con recursos propios utilizando aforros”
“Esta situación coxuntural non supón ningún desxuste, nin afecta á liquidez, solvencia e saneamento do Concello”
“O PP e Jaime Castiñeira volven a situarse en contra dos intereses de Lugo, igual que fixeron onte no Pleno vetando o pago de facturas por 520.000 euros. A súa obsesión por poñer paos nas rodas ao Goberno lévaos ao ridículo de criticarnos por investir na cidade”. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, respondeu deste xeito ás declaracións do voceiro do grupo municipal popular sobre o incumprimento da Regra de Gasto na liquidación do exercizo de 2016.
Esta situación prodúcese porque, unha vez finalizado o plan Urban de fondos europeos, “aumentamos os investimos con recursos propios utilizando para elo aforros, co fin de, entre outras cuestións, pagar as expropiacións da Ronda do Carme, máis de 4 millóns de euros, unha débeda histórica xerada polo PP e que conseguimos saldar despois de 22 anos”, explicou a Concelleira. Esta aplicación de aforros, de remanentes, e o conseguinte incumprimento da Regra de Gasto no exercicio do 2016 “non supón ningún desaxuste, nin afecta á liquidez, solvencia e saneamento do Concello, que goza dunha moi boa saúde económico financeira”, subliñou Ana Prieto.
Trátase dunha situación coxuntural, asegurou a Concelleira, que se soluciona cun plan económico financeiro a un ano e que é froito dunha “norma irracional” como é a Regra de Gasto, “imposta como táboa rasa por Montoro e que pon límites ao investimento de todas as administracións, sexan ou non solventes. Isto lévanos ao despropósito de que o Goberno do PP nos limita e penaliza por investir, cando o Concello de Lugo ten liquidez, aforros, superávit e está saneado”.
Por outra banda, Ana Prieto puxo de manifesto a contradicción do PP, ao criticar por un lado o estado do Período Medio de Pago e por outro vetar o pago de facturas, pois mentres non se abonen as minutas pendentes non baixará o prazo medio de pago.