“Inmerso no seu particular día da marmota, as críticas do Partido Popular á contratación de asistencias técnicas demostran un total descoñecemento da administración local e dos proxectos europeos”, subliñou a Concelleira

“Son os propios técnicos municipais os que solicitan este servizo, unha práctica habitual no Concello dende que pide fondos da UE, e en todas as administracións, dende Xunta a deputacións e entidades locais”

“Inmerso no seu particular día da marmota, ao reiterar de maneira teimuda as mesmas críticas insostibles á contratación de asistencias técnicas para concorrer a fondos europeos, o Partido Popular demostra, primeiro, que non ten ningunha iniciativa para mellorar a calidade de vida dos lucenses e, segundo, que descoñece totalmente como funciona a Administración local e os proxectos europeos”, subliñou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, polo que “se gobernara o PP, Lugo non recibiría nin un euro da UE”.

Ana Prieto desmontou unha vez máis as críticas do Partido Popular:

– Son os propios técnicos municipais os que piden dispoñer destes servizos de asistencia técnica para elaborar as candidaturas aos proxectos europeos, dada a falta de persoal causada polos recortes que o propio Partido Popular impuxo dende o Goberno central, dado que as convocatorias saen todas xuntas e sería inasumible o traballo que levan consigo, e dado que resulta máis barato e eficiente acudir de maneira puntual a asesorías que contar cun equipo técnico permanente dedicado a elaborar as candidaturas.

– Son tamén os propios técnicos municipais os que valoran e elixen as ofertas presentadas polas empresas, optando sempre pola de menor contía.

– Contar con asistencias técnicas é unha práctica habitual dende que o Concello prepara proxectos europeos, é dicir, dende que Lugo conta cun Goberno progresista, pois co PP nin se pedían. Deste xeito, contaron con asistencia as candidaturas do Urban, o Life, Lugo Abriendo Caminos, Lugo Qualitas ou Muralla Dixital, entre moitas outras, sen que nunca o PP puxera ningún reparo ou crítica, cando os procesos de contratación e as motivacións para facelo son exactamente as mesmas antes que agora.

– Contar con asistencias técnicas para concorrer a fondos europeos é unha práctica habitual de todos os concellos da mesma entidade que Lugo (fixérono Santiago, A Coruña e Ferrol para o DUSI, por exemplo), as deputacións e a Xunta de Galicia. Neste senso, Ana Prieto reiterou que o PP critica en Lugo o que fai en Ourense, onde o seu partido adxudicou na Deputación de Ourense un asesoramento técnico por valor de 70.785 euros para a elaboración dunha candidatura ao DUSI.

Prieto avanzou que, “pese ao nulo interese e as continuas pegas do PP a que Lugo reciba fondos da UE, dende o Goberno vamos a seguir traballando para conseguilos, concorrendo a todas as candidaturas posibles co fin de dispoñer dos máximos recursos económicos para impulsar o desenvolvemento da cidade e a calidade de vida dos lucenses”.