“Castiñeira cuestiona que o Concello lucense contrate asesorías, mentres o seu partido adxudicou na Deputación de Ourense en 70.785 euros un asesoramento técnico para a elaboración dunha candidatura ao DUSI”

“Si que teño unha obsesión: traballar por Lugo e os lucenses”, subliñou a Concelleira, quen reprochou aos populares que “desprecen” o proxecto DUSI, “cando nin tan sequera o viron, a pesar de que o teñen á súa disposición”

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, esixiu “un mínimo de seriedade e rigor” ao grupo municipal do Partido Popular tras as súas manifestacións sobre a contratación por parte do Concello de asistencias técnicas para elaborar candidaturas co fin de captar fondos europeos, pois “critica en Lugo o que fai en Ourense”. Prieto subliñou que, “mentres Jaime Castiñeira cuestiona que o Concello lucense acuda puntualmente a asesorías, o seu partido, tal e como reflicten os medios de comunicación, adxudicou na Deputación de Ourense un asesoramento técnico por valor de 70.785 euros para a elaboración dunha candidatura ao DUSI”.

De feito, “trátase dunha práctica totalmente habitual, que seguen todos os concellos galegos da mesma entidade que o de Lugo e tamén deputacións”, explicou Ana Prieto, quen lembrou neste senso que contrataron asistencia A Coruña, Ferrol, Santiago e mesmo Lalín e A Estrada para concorrer aos fondos DUSI. “E isto ocorre porque resulta moito máis barato e eficiente acudir de maneira puntual a asesorías que contar cun equipo técnico permanente dedicado a elaborar as candidaturas, dado que as contratacións das asistencias fanse de maneira transparente, con luz e taquígrafos e sempre optando pola oferta mellor e máis barata”, recalcou a Concelleira.

A edil tamén aclarou ao PP que “as propostas parten dos propios técnicos municipais, que solicitan este reforzo, dado que as convocatorias de fondos europeos saen todas xuntas, neste primeiro semestre do ano, e ante a forte merma de persoal que se produciu nos últimos anos, por certo, causada polos recortes e as restriccións impostas polo propio PP dende o Goberno central”. Deste xeito, “os obxectivos e directrices facilitadas como base para elaborar a proposta foron as determinadas polos propios técnicos, esto é, polas necesidades do servizo de Desenvolvemento Local”, explicou Prieto.

“Parece mentira que, despois de tantos anos na oposición, coñezan tan pouco como funciona a administración local. Ó mellor é por iso polo que seguen na oposición”, engadiu a Concelleira, quen, por outra banda, “se mostrou sorprendida polo “repentino cambio de criterio do PP, xa que para as candidaturas aos grandes proxectos europeos, como o URBAN, o Life, Lugo Abriendo Caminos, Lugo Qualitas ou Muralla Dixital, sempre se contou neste Concello con asesoramento, e por iso tivemos un ratio de éxito moi elevado”.

“Nulo interese porque Lugo reciba fondos da UE”
Deste xeito, Prieto atribuíu as manifestacións do PP “ao oportunismo político e ao seu nulo interese porque Lugo reciba fondos da Unión Europea”, todo o contrario que o Goberno, “que dedica un importante traballo e esforzo para concorrer a todas candidaturas europeas que se abren para dispoñer dos máximos recursos económicos co fin de impulsar o desenvolvemento económico e a calidade de vida dos lucenses”.

“Si que teño unha obsesión”, engadiu a Concelleira de Economía, “que é traballar polos lucenses e polo noso concello. O contrario desa obsesión é o que ten o Partido Popular con respecto á cidade de Lugo: a indiferencia”.

“Critican un proxecto que nin sequera viron”
A edil lamentou que o Partido Popular volva a cuestionar e “desprece” a candidatura de Lugo ao DUSI, “cando nin sequera a viron”. “¿Como poden dicir que está chea de vaguidades e inconcreccións, se nin se molestaron en coñecela? Solicitaron acceso ao proxecto e comunicámoslle por escrito que o teñen á súa disposición cando queira, pero non se dignaron a consultala. ¿Pedírona para gardar as aparencias? Que pouco lle queren a Lugo…”