“Por primeira vez na historia do Concello, este Goberno decidiu levar o presuposto á Xunta de Voceiros para facilitar o consenso, e a única resposta é, unha vez máis, o non polo non. Non queren dialogar, senón impoñer”

A oposición “nin tan sequera se molestou en abrir a boca na Xunta de Voceiros na que a Alcaldesa lles presentou o proxecto de Orzamentos 2016 elaborado polo Goberno. Non fixo nin unha soa proposta. Iso si, á saída, aos poucos minutos, xa estaban criticando un documento de máis de 150 páxinas, sen sequera lelo porque é imposible que lles dera tempo. Iso non é diálogo”. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, cuestionou deste xeito a actitude dos grupos da oposición, aos que lembrou que “por primeira vez na historia do Concello de Lugo, este Goberno decidiu levar os presupostos á Xunta de Voceiros para facilitar o consenso, para que teñan acceso á documentación e poidan facer todas as propostas que queiran, mesmo antes de iniciarse o proceso establecido regulamentariamente, a un proxecto que dende un principio dixemos que está aberto e que somos sensibles ás achegas que nos formalicen”. “A única resposta que temos é, unha vez máis, o non polo non”, asegurou.

Neste senso, a Concelleira insistiu en que “aqueles que piden e presumen de diálogo e transparencia constantemente apresúranse a criticar e non fan nin unha soa proposta en positivo, máis aló das iniciativas plenarias, o que pon de manifesto que non queren dialogar, senón impoñer, danando ao mesmo tempo seriamente a imaxe da cidade”. “Reitero a petición que facía esta mesma mañá: altura de miras, seriedade, responsabilidade e que sumen por Lugo, por mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, polo seu benestar e polo desenvolvemento da nosa cidade. Para iso nos elixiron os cidadáns. Basta xa de estratexia partidista”, argumentou Ana Prieto.