“Estamos de novo ante o non polo non, ante a pura estratexia partidista, segundo a que antepoñen os seus intereses ao ben común da cidade, pois esixen e quéixanse de falta de diálogo e cada vez que o teñen, bloquéano ou rexéitano”

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, cualificou este martes de “escusa mala e insostible” as declaracións efectuadas pola oposición tratando de xustificar que non presentaron ningunha proposta para os Orzamentos 2016 na Xunta de Voceiros que convocou a Alcaldesa este luns precisamente co fin de recoller as iniciativas dos grupos da oposición, tal e como lles avanzara hai unha semana noutra reunión de portavoces.

“Dispoñen de todos os recursos humanos e materiais necesarios, acceso aos distintos servizos municipais e aos técnicos, mesmo puideron resolver todas as dúbidas onte co interventor, e coñecen as partidas orzamentarias concretas de cada capítulo, recollidas nun documento con máis de cen páxinas, que se lles entregou, por primeira vez na historia deste Concello, nunha Xunta de Voceiros para que tivesen tempo de estudalo e analizalo. Polo tanto, temos unha oposición durminte, que, se non presenta propostas, é porque non quere ou porque non as ten”, subliñou Ana Prieto.

Unha vez máis, engadiu, “estamos ante o non polo non, ante a pura estratexia partidista, segundo a que antepoñen os intereses de partido ao ben común da cidade, pois esixen e quéixanse de falta de diálogo e cada vez que o teñen, bloquéano ou rexéitano”, indicou.

Ana Prieto lamentou que a oposición “tratase de pechar unha vez máis e porque si a porta ao diálogo e ao consenso que abriu a Alcaldesa utilizando para elo argumentos insostibles e que, como representante dos cidadáns, me producen verdadeira vergonza allea. Chegar coas mans baleiras de propostas para mellorar a cidade e a calidade de vida dos lucenses cando che dan a oportunidade de debatelas e consensualas é irresponsable e indigno dun representante político”.

As propostas do Goberno
O Goberno xa presentou os eixes dos Orzamentos que considera prioritarios no borrador que deu a coñecer publicamente hai unha semana: Creación de emprego e políticas sociais, e tamén investimentos cuantificados para a cidade, como un plan de emprego por 1,5 millóns de euros; 400.000€ para os Orzamentos Participativos; 1,2 millóns de euros para os arranxo de vías públicas, dos que 800.000€ irán destinados a obras de humanización de Duquesa de Lugo; 250.000€ para unha zona pública de baño no Miño; novas obras na Praza de Abastos por 650.000€; 50.000€ para o o equipamento do auditorio; 270.000€ para mellorar os viais e os servizos das 54 parroquias do municipio; 9,4 millóns para os servizos de Policía Local e Bombeiros; 9,6 para abastecemento e saneamento; 9,7 para recollida de residuos; 2,7 para medio ambiente; 2,8 para educación; 4 millóns para cultura ou 3 para deportes.